Lin hai uns días neste xornal unha entrevista a Henrique Monteagudo. Nela, o académico facía análise do estado da lingua. Púxenme contenta e triste a un tempo. Contenta porque comparto moitas das súas opinións e triste porque non son de todo alentadoras.
Asegura Monteagudo que se está perdendo a transmisión interxeracional da lingua, é un feito que existe xente que non escoitou o galego nunca na casa. Non podo estar máis de acordo co que é un problema moi grave. Non podemos pensar que, por ter unhas horas de educación escolar en galego, a rapazada vaia dominar a lingua. Viron algunha vez que, de maneira natural, un pícaro se puxese a falar en inglés no seu día a día por estudalo na escola? Pois non pidamos milagres. Para que non lles queden dúbidas, varios compañeiros das miñas fillas pensan que falo con elas nese idioma estranxeiro. Incrible que lles resulte tan alleo, pero certo.
Como axuda, na entrevista propón recuperar o proxecto Xabarín. É escoitar isto e soar na cabeza «somos do clube da galega, por fuciños, por cacheiras!». E sorrir. A televisión meteu o galego naquelas casas nas que non se falaba. Cando menos, deixou de ser un idioma estraño. Se á cativada lle propoñemos debuxos que lles gusten en galego, como non velos? Sen dúbida, os primeiros anos son os mellores para calquera achega. Así que, como non, eu tamén chamo polo xaba-xaba-rín! Xaba, xaba Riiiiiinng!! Riiiing!!!
Por unha programación televisiva para a cativada que sexa atractiva e, por suposto, en galego.