Mirar o pasado ofrece un punto de vista distinto, tamén no deporte. Ver como saltaban, se impulsaban ou lanzaban hai cincuenta anos non ten nada que ver con como se fai agora. As marcas cambian, crean sensación. Pan Zhanle percorreu cen metros a nado en tan só 46,6 segundos. Din os expertos que é humanamente imposible.
As distancias alcanzadas son cada vez maiores, e os tempos de execución, máis curtos, produto da combinación de técnica e condicións naturais, ás veces un don. Os adestramentos son unha mestura das condicións dos deportistas e a pericia de quen os guía e dos elementos que usan: zapatillas específicas, traxes aerodinámicos, miras con precisión máxima... Sen dúbida, a materia é o máis importante. Mentres os seus contrincantes se deitaban, colocaban o corpo en posicións imposibles, situaban as armas en trípodes psicodélicos..., Yusuf Dikec disparaba cunha man no peto e a arma na outra. Como accesorio de axuda, lentes graduadas, coma as que podería levar eu. Leva dúas décadas asistindo ás olimpíadas, e este veterano, que parecía que pasaba por alí, conseguiu unha medalla de prata. Ás veces tamén fai reflexionar. E sorrir.
Pero o deporte tamén é dor. Esta cara é a de Carolina Marín, lesionándose na metade dun partido que a levaba directamente á medalla. Derrubouse no chan consciente do dano no xeonllo. O adestrador tirouse ao chan, colléndoa dos brazos, compartindo a súa dor. Porque acompañar tamén é isto, limpar as bágoas xuntos cando a adversidade se ceba con un.