Despois de superado o problema de máis de cinco anos sen renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial, aparece un novo, porque o Tribunal Constitucional (TC) está, outra vez, cuestionado polo PP, que rexeita as súas sentenzas sobre os ERE de Andalucía.
Esteban González Pons —eurodeputado do PP, persoa de confianza de Feijoo— non é médico, pero detectou unha grave enfermidade («O Tribunal Constitucional é o cancro do Estado de dereito»), que comunicaba o 24 de xaneiro do 2024. Chegaba a este diagnóstico despois de comprobar, entre outros síntomas, que Cándido Conde-Pumpido, presidente do TC, foi fiscal xeral do Estado co presidente Zapatero e que formaban parte do TC Juan Carlos Campo, exministro de Xustiza, e Laura Díez, ex directora xeral de Asuntos Constitucionais e Coordinación Xurídica do Ministerio de Presidencia co ministro Bolaños.
Miguel Tellado, portavoz do PP no Congreso, acusaba a Sánchez dunha estratexia de «colonización» do TC; «exercer inxerencias sobre o poder xudicial de forma premeditada e continuada», e concluía: «É normal que se dubide da imparcialidade do TC, porque o primeiro que tratou de contaminalo politicamente foi Pedro Sánchez», como recollía La Voz de Galicia.
A pregunta é obrigada: como é posíbel que o PP tardase tanto tempo en detectar ese cancro? Non detectou o cancro o 27 de outubro do 2022 cando o Consello Xeral do Poder Xudicial aprobaba por unanimidade designar para o TC o maxistrado César Tolosa, conservador, e a maxistrada María Luisa Segoviano, progresista, cumprindo o mandato constitucional? Tampouco existía ese cancro no 2013 cando Francisco Pérez de los Cobos era elixido, por unanimidade, como presidente do TC? Chegaba a maxistrado do TC durante o Goberno de Rajoy, a proposta do Senado, o 12 de xaneiro de 2011, cando era militante do PP.
O Constitucional, baseándose no artigo 159.4 da máxima lei e no artigo 19 da Lei Orgánica do TC, sinalaba que non é incompatíbel ser maxistrado coa afiliación a un partido político, sempre que non desempeñe funcións directivas.
O PSOE pedía a súa comparecencia no Congreso, e Esquerda Plural esixíalle a súa renuncia. González Pons, daquela vicesecretario xeral do PP, defendía que o cargo de presidente do TC non é incompatíbel coa militancia política porque a lei que o rexe non o impide e sinalaba, ademais, que nese TC tamén había tres persoas que ocuparan altos cargos nos Gobernos socialistas. Joan Tardà (Esquerra Republicana de Cataluña) presentaba unha proposta, apoiada por UPyD, Esquerda Plural, Partido Nacionalista Vasco 0e Amaiur, para modificar a Lei Orgánica do TC e prohibir aos seus maxistrados estar afiliados a partidos políticos ou sindicatos. Foi rexeitada por PP e PSOE.
Como curar este cancro? Pois parece que é benigno, e, despois de analizar o historial clínico do «paciente», podemos concluír que é un cancro que se orixina cando a maioría é progresista e desaparece cando a maioría é conservadora. Cando o PP non controla o TC, este non é imparcial, e, se algúns dos seus compoñentes militan ou teñen relacións cun Goberno progresista, o TC está «colonizado»; é dicir, a garantía para superar o cancro é que goberne o PP e que controle con maioría o TC.
Así de sinxelo é o tratamento que recomenda o Partido Popular para que o Tribunal Constitucional non sexa o cancro do Estado de dereito. Pode ser unha solución moi eficaz, pero, sen ningún tipo de dúbida, moi pouco democrática.