A min tamén me gusta o fútbol, recoñézoo. E mesmo hai páxinas gloriosas da literatura que tocan o tema. Pero o deporte non pode nin debe condicionalo todo.
O outro día, nesa feliz e consolidada iniciativa que é o festival Flaz de literatura que se celebra en Allariz, cadrou unha das nosas intervencións co partido de fútbol da selección española, a mesma hora en que ese cantante chileno optou por abandonar o escenario porque había pantallas co partido e a xente non lle facía caso. Un pode comprender esa furia e ese abandono. Pero a literatura, por sorte, conta tamén cun público resistente, capaz de prescindir deses excesos infartados de euforia.
Confeso que, ao irmos cara ao local onde ía ter lugar o acto no que eu participaba, estaba convencido da nosa máis que probable soidade, non só pola coincidencia do partido, senón tamén pola calor. Mais, ao que entramos pola porta, os medos axiña se esconxuraron e puidemos falar de historia e literatura diante de moita xente mentres a selección española xogaba o seu partido.
Esa tarde lembrei un amigo que teima en que nunca hai que pór a escusa de ningún tipo de deporte se se organiza un acto cultural. Estou de acordo. O malo é que ás veces esas coincidencias fan que acontezan situacións incómodas, como a que lle pasou a un noso intelectual que foi dar unha conferencia nunha vila galega e, cando chegou en taxi, non había ninguén alí porque cadraba un Barça-Madrid. Lonxe de se desesperar, o noso egrexio escritor puxo enriba da mesa a súa profesionalidade e preguntoulle ao taxista se non lle importaba escoitar a conferencia, porque así terían que lla pagar. E velaí o taxista, sentado na primeira fila, explicándolle ao noso intelectual que non había ningún tipo de problema, que el era do Celta e, ademais, o seu tempo de traballo o cobraba por horas.