Queixámonos da pouca implicación que temos na sociedade. Deberiamos actuar, manifestarnos, loitar con forza polos nosos dereitos. Bótase de menos o espírito combativo doutras épocas, xa que as loitas sociais posibilitaron melloras. Certo. Pero non todo vale.
Varios membros dunha organización pola defensa do medio ambiente, Just Stop Oil, esixen ao goberno do Reino Unido unha actitude firme contra a comercialización e uso do petróleo e o carbón. A Axenda 2030 marca obxectivos claros sobre o coidado do medio ambiente e eles urxen á toma de medidas.
O obxectivo da redución da contaminación é marabilloso, pero a acción que emprenderon para fixar a atención nel podería ser máis atinada. Entendo que a pretensión era a de producir un impacto tremendo e para iso tinxiron de laranxa o máis venerado monumento megalítico. Se a pintura fose daniña terían estragado Stonehenge. Diso, dos danos, é do que nos quere alertar. Sentímonos aliviados de saber que era unha mestura inocua, mais a posta en escena produce certo rexeitamento. E iso, xustamente, é o que se debería evitar. Non é un exemplo a seguir.
Seguramente se chegue a estes extremos logo de esgotar outros recursos. Sabemos que conseguir visibilidade non é sinxelo, pero fai máis dano social unha desaprobación do acto, tomado como un atentado ecolóxico, que unha acción menos visible. Necesitamos concienciar, non provocar maior desafección. O camiño é longo e complicado, polo que debe liberarse de posibles pedras nas que tropezar.