Sol quieto, solsticio

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOR DA CIENCIA

OPINIÓN

ANDY RAIN | EFE

23 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O día 20, a Terra acadou a súa maior inclinación do norte cara ao Sol: solsticio de verán, a nosa noite máis curta. Nestes días, por mor da luz crepuscular, dende o círculo polar ártico (no que non se pon o Sol) ata a latitude da punta de Brest (Francia) non hai noite total. En Galicia, como estamos máis ao sur, si hai noite total, pero non chega nin ás 4 horas. Os cambios solares dun día a outro están sendo mínimos: a palabra latina solsticio significa «sol quieto» e, efectivamente, levamos vendo dende hai bastantes días que o Sol se pon practicamente no mesmo punto, e as horas de amencer e atardecer varían pouco (por certo, o atardecer máis tardío en Galicia non se dará ata o 27 deste mes, e o amencer máis cedo xa tivo lugar o día 14).

Todo isto depende notablemente da latitude (norte/sur): no polo norte é sempre de día dende finais de marzo (equinoccio de primavera). A área afectada por ese chamado sol de medianoite foi medrando ata o xoves e agora irase reducindo ata setembro (no equinoccio de outono). Esas diferenzas en latitude son perceptibles mesmo na escala galega: hoxe a noite será 14 minutos máis curta en Cariño que na Guarda (ao revés no solsticio de inverno). No que atinxe ás horas de amencer e solpor, en Verín sae e ponse o Sol 5 minutos antes que na Guarda.

Algo que despista bastante nestes días solsticiais é o efecto causado pola liña que separa o día da noite, que vai moi inclinada sobre a superficie terrestre: en capitais como Ámsterdam, Bruxelas ou mesmo París o Sol ponse a unha hora parecida á de Galicia.