Clase media

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

SARAH YENESEL | EFE

14 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Falaba o outro día cun amigo sobre como cambiou o poder adquisitivo nestes últimos anos, e sobre como cambiou a idea da clase media. Falabamos de cousas moi concretas relacionadas co acceso ao mundo da cultura, pero nesa conversa comecei a preguntarme que é realmente a clase media hoxe en día, quen se considera de clase media e por que. Se nos fiamos dos datos que se publican cada ano con respecto ao poder adquisitivo, unha pode sacar moitas conclusións, pero a realidade de cada un de nós é máis complexa que os números de calquera enquisa ou estatística. Sen dúbida os dous lugares que habito, Ourense e Nova York, son ben diferentes, pero nestes últimos anos o prezo da vida cambiou radicalmente nos dous, e pouco a pouco o prezo da cesta da compra de Ourense vaise achegando ao prezo da de Nova York. Entón volvo á pregunta sobre a clase media, que me leva a unha reflexión diferente á que imaxinara nun principio, relacionada coa nosa orixe e coa nosa percepción de nós mesmos no contexto da sociedade. Segundo o teu salario as estatísticas poden dicir se o es ou non desa clase, e ti mesmo podes considerar se formas parte dela, pero, aínda que seguindo as estatísticas e a túa propia percepción decidas que formas parte da clase media, que significa iso agora? Que diferenzas hai entre esta clase media e a de, por exemplo, 2019 ou 2009?

Semella que cada día hai un abismo máis grande entre os que moito teñen e os que teñen pouco. Que a redución da clase media é xa un feito, e que acceder a unha mellor calidade de vida é cada vez máis complexo, ou case imposible. E que podemos facer nós para evitalo? O triste é pensar e aceptar que probablemente nada.