O poder da palabra

María López Sández
maría lópez sández ACADÉMICA ELECTA DA REAL ACADEMIA GALEGA. ESCRITORA

OPINIÓN

María Pedreda

Un libro dos anos 60, Como facer cousas con palabras, deu orixe á coñecida como Teoría dos actos de fala e abriu unha nova época na lingüística, ao pór o foco sobre o valor transformador, performativo, da linguaxe. Xa con anterioridade, a comezos do século, Sapir e Whorf desenvolveran a teoría que leva o seu nome e que moi esquematicamente pode sintetizarse dicindo que a linguaxe constrúe a nosa percepción do mundo a través dos cortes que realiza na realidade. Así, os inuit contarían con numerosos nomes para os distintos brancos da neve e o xeo, e como consecuencia os inuit terían a capacidade de distinguir entre matices de branco que para nós resultan imperceptibles. Traéndoo á nosa cultura, velaí están os numerosos termos cos que en Galicia denominamos a chuvia: orballo, poalla, chuvisca, barbuza, parrumada, zarzallo, ballón, chuvasco, bátega, chaparrada

Mais foi no ámbito dos estudos poscoloniais onde máis aguda conciencia se tomou da importancia ideolóxica da linguaxe: co noso modo de designar e de describir ao outro dignificámolo ou denigrámolo, recoñecémolo ou invisibilizámolo. As guerras e as conquistas son en grande medida tamén un exercicio de linguaxe e toda violencia leva aparellada unha empresa lingüística posta ao servizo do poder, como tamén todo acto de loita e resistencia implica reconstruír ou deconstruír a linguaxe, a miúdo resignificar o insulto que outro nos deu.

As tensións políticas e ideolóxicas do momento actual dirímense por tanto tamén no tatami lingüístico. Termos denigratorios e creativos con aire de campaña planificada copan a vida política coma dardos envelenados entre contendentes que cada vez tensan máis unha corda que ameaza con rachar varrendo tamén unha ampla esfera social. Este ambiente bronco semella levarnos máis a unha retórica das emocións, de ambiente tabernario, que á ágora grega na que naceu a democracia e, da súa man, unha retórica que procuraba a arte da persuasión mediante argumentos.

Sempre deberemos defender a liberdade de expresión, que consiste en loitar por que poida expresarse libremente o que pensa distinto a nós, e non só quen concorda. Mais iso non nos impide sentir devezo ou nostalxia por uns tempos nos que a discrepancia política despregaba outras armas retóricas, as do inxenio e a habelencia antes cás do insulto e a provocación. A linguaxe é unha ferramenta poderosa, para ben ou para mal. Cando se forxa un coitelo, non sabemos se se empregará para salvar unha vida ou para quitala.