Luísa Villalta: patrimonio común

Daniel Chapela FILÓLOGO GALEGO E INVESTIGADOR DA OBRA DE LUÍSA VILLALTA

OPINIÓN

MABEL RODRÍGUEZ

25 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Neste 2024, Galicia enteira énchese de celebracións para festexar a palabra de Luísa Villalta. O seu verso firme e áxil, o da autora que puía os textos coma diamantes, é hoxe, grazas á dedicatoria do Día das Letras Galegas por parte da RAG, patrimonio de todas as galegas e galegos. A súa memoria e o seu legado permanecen entre todas aquelas persoas que se queiran achegar á cidade alta, á que ela fai unha oda en En concreto, ao verso comprometido socialmente do Papagaio, ou aos artigos nos que xeraba e daba opinión, recompilados en O libro das colunas.

 Lonxe de maniqueísmos varios, ningún partido nin ningunha ideoloxía ten a propiedade sobre unha figura nin sobre o seu traballo. Atrás deben quedar os tempos de militantes do BNG boicoteando os homenaxeados que non eran do seu gusto, así como os ataques persoais e políticos a quen celebramos unha figura como a autora de Ruído. Pois, mentres outros se centran en destruír e en remarcar aquilo que nos separa, o que define unha sociedade democrática e madura é reforzar os lazos que nos unen. Precisamente, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, realzaba na cerimonia das Medallas Castelao, ao concederlla a Camilo Nogueira, como «non é necesario compartir todas as teses dunha persoa para recoñecerlle os moitísimos méritos que ten», porque o noso camiño colectivo e, polo tanto, Galicia necesitan de todos nós.

 

Polémicas estériles como as destes días, nas que certos sectores do nacionalismo censuraron que o PPdeG realice un acto polo Día das Letras Galegas e homenaxee a Luísa Villalta é, simplemente, tirar co tempo e botar por terra un proxecto colectivo para o país. Sobre todo, porque se se fixese o mesmo acto sen falar de Villalta, as mesmas persoas clamarían aos ceos acusando de invisibilizar a súa figura. Vivimos en tempos de trivialidade, no que organizacións que homenaxean a persoas cuxa moral resulta claramente cuestionable, despois enarboran a bandeira da superioridade moral dicindo quen pode homenaxear a cadaquén. Tamén en tempos nos que xentes do BNG —organización na que Luísa Villalta militou, aínda que con críticas privadas a determinadas posturas— critican que se recoñezan os méritos literarios dela por parte doutros partidos, mentres eles mesmos, desde a súa atalaia inaccesible de quen se cre mellor que o resto de Galicia, obviaron a data e só utilizaron os versos de Luísa para pedir o voto nas autonómicas. E, cómpre aquí unha pregunta: seguiría Luísa Villalta no BNG despois da fractura de Amio, tendo en conta as posturas que expresaba en privado? A realidade é que non é posible sabelo, pero os seus versos e a súa figura foron directamente utilizados para pedir o voto para Ana Pontón. Mais, despois, fálase de «manipulación ou distorsión» por, simplemente, homenaxear a súa escrita.

As Letras Galegas deben ser vistas como unha oportunidade para acceder á figura e obra dos autores recoñecidos, unha xanela para promocionar a nosa lingua de ouro por todos os recunchos do país. E é que, tamén, na xestión das Letras Galegas existen notables diferenzas, pois mentres a Xunta de Galicia —gobernada polo PPdeG— inclúe sen que xere conflitos os carnés da militancia de Luísa ou o cartel do Nunca Máis, movemento no que ela participou, os nacionalistas manifestáronse en contra de homenaxeados como Filgueira Valverde, titán do sector cultural. Ou, sen ir máis lonxe, mentres o resto de partidos participan con representación nos actos institucionais das Letras Galegas, o BNG opta por non asistir con ningún representante público e, cando o fai, é só cunha persoa enviada en nome de diferentes administracións. Porque, como é evidente, mentres desde un lado se opta por construír o futuro xuntos, facendo da diferenza virtude, o Bloque decide situarse sempre no pasado, na protesta e na destrución do que nos une como pobo. Decide, neste caso, posicionarse en contra do Día das Letras Galegas.

Na tarefa conxunta das letras e da lingua sempre nos atoparán, mais non para polémicas estériles de quen cre ter a verdade absoluta. Oxalá un día no que desde todos os partidos políticos se poidan celebrar as Letras sen que os de sempre se poñan sobre as patas de atrás. Esa, como escribiu Luísa Villalta, sería «a mañá do tempo prometido».