«E-Dixgal: pretendendo ser modernos estamos conseguindo precisamente o contrario»

OPINIÓN

ALBERTO LÓPEZ

19 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Verdades e mentiras de E-Dixgal

Nas últimas semanas vemos reaccións a favor e en contra do sistema E-Dixgal empregado nalgúns centros en 5º/6º de Primaria e Secundaria, máis aínda cando mesmo o conselleiro ou o presidente da Xunta fixeron referencia a él. Gustaríame matizar o seguinte:

E-Dixgal non é libro dixital. É un sistema de «píldoras formativas» no que o alumnado navega polos contidos e ten mesmo exercicios (tipo test ou de completar).

E-Dixgal non permite adquirir competencias dixitais máis aló de facer click e scroll cun rato e achegar un documento.

Certo é que facilita o acceso gratuíto a un portátil a todo o alumnado, independentemente da súa situación económica.

E-Dixgal non é un sistema híbrido, xa que a pertenza a este programa exclúe a posibilidade de acceder ao fondo de libros da Xunta, o que fai inviable a familias de menos recursos adquirir estes textos.

Certo é que E-Dixgal é gratuíto para todo o alumnado e non só para os que reciben unha axuda específica.

E-Dixgal implica que o alumnado pasa un mínimo de tres ou catro horas diarias fronte a unha pantalla no centro, máis o tempo de traballo ou estudo na casa.

E-Dixgal non dispón de textos para o estudo de materias coma Ciencias Sociais e Naturais. Moitas familias acaban imprimindo pantallazos para facilitar dito estudo a través de esquemas, co correspondente impacto económico e medioambiental.

E-Dixgal continúa tendo moitos fallos nos contidos ou exercicios que non poden ser resoltos polo propio alumno.

Ata este ano, e á espera das novas adaptacións, E-Dixgal non contaba coa protección suficiente para evitar o acceso a contido inadecuado por parte do alumnado fóra do centro.

E-Dixgal moitas veces non é máis que un paréntese ata que o alumnado volve atoparse cos libros de texto en niveis superiores.

E-Dixgal foi amplamente implantado en centros polas facilidades ofrecidas pola consellería, así como pola promoción (exemplo: outórganse gratuitamente o equivalente a horas de formación ao profesorado). Sen embargo, para cursar a baixa é necesario seguir un complexo procedemento.

En resumo, E-Dixgal non aporta valor nin habilidades dixitais adicionais que si poderían adquirirse, por exemplo, cunha ensinanza na que se introducise ofimática, robótica, programación, etcétera.

Pretendendo ser «modernos» estamos conseguindo precisamente o contrario. Cousa que noutros países xa se deron de conta hai tempo. Non é ir aos extremos (todo dixital ou todo libro de texto), senón aplicar o sentido común e atopar o equilibrio na balanza. M. F.