Un futuro en maiúsculas e en galego

Amelia Pérez DECOTÍO

OPINIÓN

XOÁN A. SOLER

17 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A lingua e a cultura son os valores máis representativos da identidade dun pobo. Para os traballadores galegos e para o conxunto da sociedade son estes dous elementos, lingua e cultura, os piares esenciais do noso patrimonio cultural. Son os fundamentos máis senlleiros da idiosincrasia e singularidade de Galicia, que debemos respectar, manter e potenciar en todos os ámbitos da vida. O sindicato nacional de CC.OO. de Galicia reitera o compromiso de fomentar e impulsar medidas que protexan, estimulen e favorezan o emprego do noso idioma en calquera eido da sociedade.

O 17 de Maio foi institucionalizado no 1963 pola Real Academia Galega, por iniciativa de Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego. Elixiron esa data para conmemorar a publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, considerada unha das figuras máis importantes do Rexurdimento, o renacemento cultural galego do século XIX. No 2024, esta data tan emblemática éo dobremente para CC.OO. de Galicia por coincidir co 45 aniversario do rexistro dos nosos primeiros estatutos, que proclaman no seu artigo 34 que o galego é o idioma oficial do sindicato e que garanten, así mesmo, a libre expresión en calquera outro idioma por parte da afiliación.

Moito antes de ter Galicia un Estatuto de Autonomía ou mesmo a Lei de Normalización Lingüística, homes e mulleres fixeron unha declaración expresa do uso do galego nos estatutos que creaban CC.OO. de Galicia. Tampouco era fútil naqueles tempos definirse como un sindicato nacional de Galicia.

Entristécenos enormemente ver que hoxe en día esta riqueza é utilizada por algúns para dividir e non para construír. Ninguén debe apropiarse da defensa da lingua que fixeron os traballadores deste país, organizacións sociais e moita xente anónima, ou persoeiros como Castelao, Rosalía, Curros Enríquez, Cunqueiro, Xela Arias ou Luísa Villalta, entre outros moitos. O galego é patrimonio de toda a cidadanía galega, por iso instamos a exercer os dereitos lingüísticos, a lles esixir ás Administracións o cumprimento das obrigas que en materia de lingua se consagran no Estatuto e na Constitución, a propiciar a promoción da lingua e a cultura galegas e a exercitar con orgullo a súa condición de cidadáns libres e galegos.

Fernández del Riego dicía que Galicia vive porque ten unha aspiración de vida. Polo tanto, é unha obriga de todos seguir construíndo o futuro de Galicia. Un futuro en maiúsculas e en galego

Instamos a todas as traballadoras galegas a que se sumen ao compromiso da defensa da lingua que hai 45 anos quedou rexistrado nos primeiros estatutos do sindicato nacional de CC.OO. de Galicia. A que celebren con entusiasmo o Día das Letras Galegas, participando nos diferentes actos que se convoquen por todo o país. Animámolos, igualmente, a que continúen defendendo e espallando o gran valor que representa a lingua, e que así é entendido pola inmensa maioría da poboación, como un patrimonio que nos axuda a comprender o mundo e que é parte importante da nosa vida, unha vida pola que seguimos loitando as organizacións sindicais, para que sexa máis xusta e solidaria.