Nadine López Aira, a nota máis alta da ABAU en Galicia: «Levar unha boa vida non impide dedicarlle tempo a estudar»

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

Nadine López admite que fixo sacrificios para estudar, pero está convencida de que pagaron a pena
Nadine López admite que fixo sacrificios para estudar, pero está convencida de que pagaron a pena CARLOS CORTÉS

Esta rapaza de Monforte quere facer o dobre grao de matemáticas e física, pero aínda non ten claro onde. Co seu 13,98 probablemente o poida facer onde queira

14 jun 2024 . Actualizado a las 17:03 h.

Nadine López Aira enterouse na piscina do Club Fluvial de Monforte de que sacara un 9,98 sobre 10 na parte obrigatoria da ABAU. Tiña pensado non consultar o seu correo ata última hora, na tranquilidade da súa casa, pero a intriga puido con ela. E foi toda unha excepción, porque esta rapaza monfortina de 17 anos é analítica e de decisións meditadas en funcións dos datos dispoñibles.

Estudante de bacharelato no instituto Río Cabe, a súa foi a mellor nota na parte común da selectividade. E nas materias voluntarias tivo 4 puntos, o 100 % dos posibles. Leva anos querendo estudar o dobre grado de matemáticas e física e con ese 13,98 parece evidente que vai poder. O que ten que mirar agora é onde. Se non o ten claro aínda é porque lle faltan datos.

-Sempre foi boa estudante?

-Sempre me gustou estudar e aprender cousas novas. E no bacharelato apliqueime especialmente.

-Ten claro o que quere estudar agora?

-Sí, desde hai anos. Quero facer o dobre grao de matemáticas e física.

-Que nota piden?

-En Santiago un 13,400 e pico, pero en Madrid case un 13,900.

-E en que cidade preferiría facelo?

-Estou barallando as posibilidades que hai entre Barcelona, Madrid, Santiago ou Oviedo.

-De que vai depender a elección?

-Eu son moito de facer planificacións con pros e constras. Neste caso miraría os aspectos positivos que tería ir a cada universidade en función de datos como o tamaño desa cidade, a súa calidade de vida, o clima, pode que incluso os niveis de contaminación..

-Así que o vai decidir cun método case matemático.

-Si, efectivamente [risas].

-Recorda cando decidiu que estudaría matemáticas ou física?

-De moi pequena xa me gustaban moito as matemáticas. Cando en terceiro da ESO comezamos a dar física, física de verdade, tamén collín interese pola física. Aí foi cando o decidín con certeza, aínda que xa desde primeiro da ESO sabía máis ou menos por onde quería ir.

-Evidentemente, é vostede unha boa estudante. E de ciencias. Parécelle que naceu con iso ou foi algo aprendido ou algo no que influíron seus pais?

-Non creo que meus pais tivesen moito que ver, porque ningún é especialmente bó coas matemáticas nin se dedica a elas. Simplemente, sempre se me deron ben e sempre me esforcei. O esforzo diario é moi importante.

-Ese esforzo supón un sacrificio considerable.

-Si, hai moito sacrificio, pero ao final o importante é que o esforzo merece a pena.

-Non ten a sensación de renunciar a demasiadas cousas?

-Non. Penso que levo unha vida bastante boa, fago deporte, saio cos amigos de vez en cando. E levar unha boa vida non me impide dedicarlle tempo a estudar.

-E unha vez remate o grao en que lle gustaría traballar?

-Aínda non sei que farei. Igual vou pola docencia, ou trato de traballar nunha empresa, ou, eu que sei, na Nasa...

-Ah, iso non o ten claro?

-É que penso que iso haino que decidir a medida que vaias avanzando na universidade. Agora non teño realmente toda a perspectiva que fai falta sobre as posibilidades laborais concretas.

-Claro, non o ten claro porque lle faltan datos.

-Exactamente. En canto os teña xa avaliarei a situación de novo. Matematicamente. [risas]

-Gustaríalle quedar a vivir en Galicia?

-Sempre me gustou moito Inglaterra. Xa fun varias veces e gústame a idea de vivir alí. Pero sería por uns anos, non para sempre. Gústame moito o inglés, que é un idioma moi especial para min e no que teño un bon nivel. E o pais está no top de universidades, en traballo, calidade de vida, alimentación..

-Pero sobre a cociña inglesa non se falan grandes cousas, eh.

-Pero alí hai moita diversidade, moito para probar. E os restaurantes son excelentes.