Bildu, PP e ETA

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

Un día do ano 2002, Eduardo Madina, secretario xeral das Mocidades Socialistas do País Vasco, sufriu un atentado de ETA no que perdeu unha perna. O presidente José María Aznar visitouno no hospital e fíxolle unha promesa: «Te voy a regalar la paz en Euskadi». Non foi tarefa doada, porque ETA seguiu matando e o PP acusouno de traizoar as vítimas; pero o 20 de outubro de 2011, ETA deixou as armas. Ese día, Borja Sémper, deputado do PP no Parlamento Vasco, fíxolle unha pregunta a outro de Bildu: «Se onte me asasinase ETA, ti o xustificarías neste Parlamento. Hoxe xa non. Que cambiou de onte a hoxe?». Non importa a resposta do deputado de Bildu, o que si importan son as reflexións que dez anos despois fixeron xuntos Eduardo Madina e Borja Sémper sobre o cambio producido na sociedade vasca, no libro Todos los futuros perdidos.

A ningún lle gusta que o Goberno de España dependa dos votos de Bildu, pero non din nin pensan que Bildu é ETA, nin que non deba participar no xogo democrático. Saben que en Bildu hai persoas como os deputados Jon Iñarritu e Oskar Matute, e o alcalde de Pamplona, Joseba Asiron, que condenan a violencia de ETA; e que Bildu faino por oportunismo político cando é necesario, pero evítao sempre que pode e prefire rexeitala que condenala. Agora, o seu candidato nas eleccións vascas négase a cualificar de terrorista a banda armada, o Goberno chámalle covarde e o PP activa as armas de destrución mediática para acusar de cinismo ao Goberno e ao PSOE. E iso ten graza porque o cinismo, tecido con mentiras e desmemoria, degrada o discurso político de todos os partidos, especialmente o do PP.

Mal está que o candidato de Bildu chame a ETA «grupo armado, que afortunadamente ya no existe», pero peor é que Aznar o chamase «Movimiento Vasco de Liberación». Mal que en 13 anos de existencia as veces que Bildu condenou a violencia de ETA se conten cos dedos da man; pero igual de mal ou peor é que o PP tardase 25 en condenar o franquismo.

Eu lin as actas daquel 20 de novembro de 2002 e as palabras do portavoz do PP, Manuel Atencia Robledo, parecéronme sinceras, pero catro anos despois o PP capitaneado por Mayor Oreja rexeitou a condena da Eurocámara ao se cumprir 70 anos do golpe de Estado de Franco.

Eduardo Madina e Borja Sémper advirten aos partidos que usan o terrorismo como arma política de que iso non funciona nas urnas. Ben está esixir que os nenos aprendan na escola quen foi Miguel Ángel Blanco e o que significou a loita contra ETA; pero tamén teñen que ofrecer un proxecto político para os próximos anos. Bildu faino e sobe; o PP e o PSOE non, e baixan.