O medo

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

Ana Garcia

01 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás veces penso no complexo que é o medo, e na capacidade que ten de paralizarnos. Non me refiro aos medos reais ou racionais, senón a todos eses medos irracionais que ocupan a nosa mente con pensamentos que non nos levan máis que a sentir máis medo, a paralizarnos máis, e a rumiar e rumiar sen poder parar. Lembro aquelas aulas de teatro ás que asistín de moza, nas que a profesora falaba dos «e se» dos personaxes que interpretabamos para axudarnos a meternos na súa pel: «E se o personaxe non sabe que facer?», «e se ao personaxe lle pasa tal cousa?». Pois ben, hai días no que eses «e se» das hipotéticas catástrofes que poden pasarlle a unha apodéranse de min e non me deixan facer nada máis que sentir medo. Como escribía Cervantes a través da voz de Sancho Panza, «ten o medo moitos ollos e ve as cousas debaixo da terra».

Quizais o meu medo racional salvoume de moitas situacións potencialmente perigosas, e ensinoume moitas cousas. Pero non entendo estoutro medo que se apodera de min cando menos o necesito. Ese medo irracional que imaxina unha infinidade de cousas horribles que poderían pasar en calquera situación cotián ou en calquera decisión vital. Ese medo que «ve as cousas debaixo da terra» é o medo que máis me custa amansar, e hai días que non o podo controlar; entón non me poño a facer algo por mor de que saia mal, non avanzo por mor de tropezar... E, por medo, simplemente deixo de facer o que teño que facer, ou o que quero facer. E, por medo, deixo de ser eu, aínda que supoño que esa tamén son eu. E aí, a medio camiño entre mi mesma, intento agarrarme a unha razón de peso que me leve de novo á realidade: a un libro, a un paseo, a unha canción...