O normal é que goberne Trump

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

Donald Trump, en una imagen del pasado 19 de diciembre
Donald Trump, en una imagen del pasado 19 de diciembre SCOTT MORGAN | REUTERS

29 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O normal é que goberne Trump. Nos Estados Unidos ou onde sexa. Porque dende hai dúas décadas estamos fomentando (todo agravado grazas ás redes sociais) un tipo de sociedade chea de xente acrítica que abdicou do ideal ilustrado e que, de feito, semella como que odia o discurso elaborado, o debate razoado e a lóxica. Iso sábeno, e esaxeran, os nosos políticos que saben que xa morreu a era das ideas para vivirmos no das consignas irracionais, as emocións primitivas e a simpleza. Por iso o trumpismo é o relato dominante. Por iso, tamén, medra a ultradereita en todas partes: se hai quen sabe excitar as masas a partir de frases inocuas, son eles. Funciónalles ese modus operandi nunha sociedade necesariamente cómplice que xa non é quen de saír do inmediato, do fugaz, dos caracteres mínimos dun chío nunha pantalla. E iso fan os que gobernan ou aspiran aos cargos: falar en chíos, procurar titulares, ser efectivos. Por iso a Trump, e a todos os que beben nesa forma de facer política, lles vai ben.

Os expertos din que estamos nunha era na que se compite pola atención. E resulta que á xente, sobre todo á máis nova, cústalle mundos concentrarse. Manter a atención. Sábeo moi ben o profesorado. Hai estudos que demostran que o límite da paciencia entre a rapazada (á hora de cargar unha páxina de internet, por exemplo) é de catro segundos. No segundo cinco, se non pasou algo ou hai moito texto ou non hai movemento, póñense nerviosos e precisan mudar o que haxa na pantalla por outra onde se vexa que está sucedendo algo. O de menos é o que. Por iso non nos estraña que estea de moda entre a mocidade ver as películas a dobre velocidade porque necesitan que pasen cousas, que aconteza algo. As novelas teñen cada vez capítulos máis breves e máis trepidantes porque a quen le atragóanselle os parágrafos como teña moitas subordinadas. En linguaxe política, isto tradúcese no apoio a quen consiga esa atención líquida. Por iso é máis importante para un candidato saír na de Pablo Motos falando con formigas de felpa que nunha universidade de prestixio dando unha sisuda conferencia.

O normal é que goberne Trump. Non debe sorprendernos que estea de favorito en todas as enquisas. A realidade na que nos movemos fai que persoas coma el destaquen sen ter que esforzarse moito. Xa non hai que ser catedrático de nada para aspirar ao poder. Abonda con ter claro o que hai que dicir… aínda que o que se diga non signifique nada en absoluto. Son os signos, líquidos, febles, aéreos, dos nosos tempos.