A ITV dos edificios hai que pasala

Heriberto García Porto DIRECTOR XERAL DO INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

OPINIÓN

JOSE PARDO

27 ene 2024 . Actualizado a las 13:20 h.

A lei de rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, aprobada polo Parlamento de Galicia en 2019 e destinada a fomentar a rehabilitación dos inmobles residenciais existentes en Galicia, inclúe, entre as súas disposicións, o informe de avaliación do edificio (IAE). Pero que é, exactamente, o IAE?

Falar de fogar é falar do lugar no cal nos sentimos seguros. Pero, para iso, é preciso que esta sensación vaia apoiada de datos. E para iso cómpre saber que a vivenda está nas condicións óptimas de habitabilidade e seguridade.

Esa seguridade é, pois, un dos fins cos que naceu o IAE, un documento que nos permite coñecer en que estado se atopa o inmoble, desde o punto de vista da súa conservación, accesibilidade e eficiencia enerxética. Así, grazas a el, é posible prever, igualmente, aquelas actuacións que se precisan levar a cabo para mantelo óptimo e confortable.

Quen ten a obriga de presentar o IAE? Os propietarios —únicos ou comunidades— de edificios de uso residencial que conten cunha antigüidade de máis de 50 anos desde a súa construción; que deberán presentalo no concello no que se sitúe o inmoble examinado.

Este ano, o prazo para a presentación remata o próximo 20 de maio. Así, terán que presentar este informe aqueles inmobles que un ano antes —o 20 de maio de 2023— tiveran cumpridos xa os 50 anos. Os restantes dispoñen do prazo dun ano, desde a data en que os cumpran.

Para a súa elaboración, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), dependente da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, pon a disposición dos técnicos competentes na materia unha ferramenta gratuíta que lles serve de guía e lles presta toda a axuda necesaria.

En todo caso, e como xa dixen, mais alá desta obriga legal, debemos entender que os principais beneficiarios do IAE son os propietarios e usuarios das vivendas, xa que lles garante o desfrute da súa edificación nunhas condicións de conservación e mantemento que evite riscos tanto para eles mesmos como para terceiros. Ao igual que todas aquelas persoas interesadas en adquirir ou alugar unha vivenda, xa que, previamente a dar ese paso, teñen ao seu alcance esta información. De igual modo que ás autoridades locais lles permite ter un amplo coñecemento do estado de conservación do parque residencial, axudándolles nas súas competencias de conservación e seguridade das construcións existentes xa con certa antigüidade.