Dicíame miña nai cando faciamos calquera tarefa na casa que a dedicación debía ser sempre o primeiro e a boa vontade debía sempre estar na liña de facelo ben. Por iso, ao enfrontarnos a calquera desafío, o fundamental é poñerse mans á obra e priorizar os feitos e non as palabras.
Coma en todo, hai que separar a palla do gran. Ou a granza da area. Hoxe, a Xunta ten despregados na costa a máis de 200 profesionais, que se reforzarán ata os 300 ante a posibilidade de que esta fin de semana cambien as correntes. Ata o momento levamos limpadas xa 50 praias (por algunhas pasamos varias veces) e preto de 100 sacos recollidos, tanto de pélets coma doutros plásticos. A maioría deste material xa foi recollido nas praias, pero aínda queda algún nos areais e, sobre todo, moito no mar. O obxectivo da Xunta é claro: non descansaremos ata que as praias queden totalmente limpas. Como ocorre con calquera outro plástico, estes pélets teñen que ser retirados das costas canto antes.
Aproveito un resumo rápido que lle facía a un mariñeiro hai ben poucos días nunha das múltiples visitas a pé de praia e peirao: esta situación semella coma cando a un porteiro de fútbol lle lanzan un tiro a porta que non pode ver, porque lle ocultan a visión, ata o último metro. Iso foi o que pasou: a tardanza en remitir a información da caída dos contedores do Toconao ao mar impediu unha resposta sistemática durante case un mes, a realización de previsións certeiras de deriva para saber a onde podía ir o material e a recollida dos mesmos no mar, onde non é doado facelo, pero si máis eficiente que na costa ao poder ser recollido en sacos enteiros.
Poder frear o material no mar sempre foi unha teima doutros sucesos, pero neste caso hai quen se empeña en desmentilo. Que se atopasen e se retirasen nestes dous días varios sacos enteiros dá imaxe de que é factible e viable, e a disposición de medios navais noutras comunidades por parte de Salvamento Marítimo así o certifica.
Os nosos barcos e helicópteros estiveron e estarán despregados para atender esta fronte e tratar de conter o máximo posible a chegada de pélets. Facémolo aínda sendo un cometido reservado aos medios do Goberno central porque entendemos que o asunto non é menor e que, coma en todo o que beneficie a Galicia, debemos sumar por riba de calquera outra cuestión.
Se hai algo que temos claro tamén e no que imos a estar centrados é na defensa do bo nome, salubridade e calidade dos nosos produtos do mar. Ningunha foto de Texas ou Sri Lanka pode danar a nosa imaxe de produto san. Por iso iniciamos un control redobrado para referendar esta certeza e unha campaña de promoción para valorizar os peixes e mariscos fronte a ataques inxustificados e infundados.
En definitiva, pode haber Administracións que se permitisen permanecer máis dun mes sen facer absolutamente nada. Pero aquí en Galicia non somos así, aquí levantámonos e traballamos con plena dedicación en defensa das nosas xentes do mar. Tan só pedimos que se tomen as medidas necesarias para evitar que os sacos sigan chegando ás nosas praias.