Delincuentes coma os de antes

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

08 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O clásico filme O golpe fíxose con sete dos dez premios Óscar aos que optaba. Dous timadores de baixo perfil saen mal parados. Un deles é asasinado e o seu compañeiro, para vingalo, busca axuda noutro delincuente. Móntase un teatro descomunal para simular a existencia dunha casa de apostas e enganar a quen lles fixera dano. Non conto máis, vexan a película!

En O padriño, a casa de xogos tamén era o negocio que, teoricamente, daba os cartos a don Vito Corleone, mais a fortuna procedía da mafia.

Aínda que o argumento pareza moi semellante, funcionou dando éxito en ambos casos. Quizais porque a ficción debe ser crible. A realidade, tamén.

Génova podería ser o escenario dunha nova película de delincuentes, unha moderna. Para sorprender coa trama, o narcotraficante podería ser... o dono dun salón de peiteado, por que non? Seguro que a ningún guión guionista lle gustaría dar pistas innecesarias sobre a historia. Se o negocio fose unha tapadeira, evitarían facer entrar nel a posibles clientes calvos. Quen vai cortar o pelo se non o ten?

Pois así foi como as autoridades italianas deron cun narcotraficante que rexentaba unha barbería. En lugar de vender xampú, alí despachaba estupefacientes. Pero claro, se os clientes que ían rasurar a cabeza carecían de melena... daba que pensar. Seguiron a pista e... no baixo do negocio deron co verdadeiro interese dos compradores.

Non intenten ver a historia no cine, atoparana nos diarios. Porque... xa non quedan delincuentes coma os de antes!