
Decidín apagar a televisión e seleccionar o que leo nos xornais. Négome a vivir arroupada por quen nos acirran coma se foramos bestas. Premer o mando a distancia é abrir o pano da discordia. En lugar de escoitar información calmada e aséptica, a maior parte dos programas dedícanse a buscar imaxes vergoñentas de políticos e sociedade civil e, a partir das mesmas, polarizar e extremar as súas opinións, intentando que o público se sume á causa que consideran mellor.
Dá igual a cor política.
Horrorízame ver extremistas a un e outro bando, ben persoas da rúa cegadas polas ideas, ben políticos que non explican as cousas con claridade e aos que non lles importa dicir hoxe A, mañá Z. Tamén aqueles outros que acusan enérxicos ao de enfronte sen importar o propio. E veña elevar o ton de voz, tirar pedras nas manifestacións, levantar o dedo no Parlamento, facer xestos obscenos ou chamar terrorista a quen sexa sen o máis mínimo pudor.
Dáme auténtica vergoña. O caso é montar lea. Así que aproveitamos que non nos gusta a amnistía para chamarlle de todo ao monarca, que non sei que pinta neste enterro. O mesmo coa Constitución, democracia... alén de resucitar políticos que deixaron a primeira liña política. Porque todo serve.
Por iso prefiro vivir na ignorancia. Apagar a televisión e non ver, oír nin ler. Non deixarme enlear por esta onda de violencia, verbal e física, que nos teñen crispados e exaltados. E, por riba, de mal humor.
Quizais non sexa ignorante, senón intelixente, tomar distancia.