O asentamento dos pobos é un proceso ancestral que define a humanidade. Por iso, ningún pobo abandona a súa terra por pracer. Faino por necesidade ou supervivencia.
Se marchamos, facémolo cun anaco da terra (que fere coma arestas de xeo) cravado no corazón e pensando na viaxe que nos traerá de volta. En Galicia sabemos moito de emigrar. Canto se botou de menos o caldo, o peixe, as castañas, o salitre do mar, o vento entre as follas.
Así botarán de menos as chairas por Castela, o queixo curado, as laranxas en Valencia e a calma do Mediterráneo. A sidra e a fabada en Asturias, o gazpacho polo sur. Regresar é volver a casa, sentirnos nós, con esa ilusa crenza de que somos do mellor lugar do mundo.
Hai quen di que non o fai máis galego usar o galego con alguén co que pode falar en castelán.
Estou convencida de que o que nos fai galegos é amar Galicia. Imos con ese verbo. Amar os nosos fillos, os nosos pais, as nosas parellas fainos ser afectuosos con eles, coidalos, acompañalos. Amar a nosa terra pasa por iso: traballala, coidala, valorala, defendela… amosarlle o noso amor, consumindo produtos propios ou falando galego.
Non é o mesmo ter que emigrar que desexar emigrar. Unha cousa é usar galego cando se pode e outra buscar a mínima oportunidade para renegar del. A diversidade é riqueza.
Ser emigrantes sen mover un pé da terra é unha traxedia. Se fuximos da nosa lingua, da nosa tradición, da nosa cultura, estamos abandonando Galicia sen movernos. Un mal moi perigoso e agresivo.