Ao xuízo do asasino en serie Ted Bundy, asistía unha morea de acaloradas fans que clamaban pola súa inocencia: un sex symbol de tal calibre non podía ser tan asasino coma un feo. Bundy era tan carismático que as cartas chegaban por centos á prisión, onde chegou a casar cunha fan cuxo embarazo avanzou ao mesmo ritmo que o xuízo. Carol desapareceu para sempre coa bebé en canto Ted foi condenado, pero, despois dela, outras solicitaron vis a vis sen importarlles demasiado tal proximidade dun asasino torturador de mulleres.
En Reinventar o amor, Mona Chollet explica que ás mulleres se nos aprende a crer que podemos salvar homes descarreirados, nunha mestura perversa entre o amor romántico e o amor maternal que serviría para garantir un soporte feminino incluso aos máis indesexábeis. Sexa como for, perturba a tendenciosa posibilidade de salvar os criminais só por seren guapos e ricos, coma os deuses sobre quen a xustiza humana carecía de atribucións. Para lembrárnolo, igual que aquelas que matarían por un vis a vis con Ted Bundy, unha manda de exaltados en redes pediron a liberación de Daniel Sancho, presunto asasino e descuartizador de Edwin Arrieta. O seu bonito criterio exculpatorio é case entrañábel: tan guapo e rico mozo, fillo e neto de actores célebres, non pode ser un asasino. Para máis inri, comparece o tufo racista: os xuíces de Tailandia, onde se cometeu o crime, non saben xulgar este español de pedigree.
Tamén aprendemos a crer que os guapos e os ricos son mellores, niso se basea o seu natural dereito a gobernarnos a todos, a aristocracia. Pero curiosamente, os aristócratas teiman en gardar trala beleza dos corpos e o brillo do ouro ese ben, o aristos, tan infrecuente no resto dos humanos que fede.