Sentir a luz

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

Martina Miser

14 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai algo na luz do verán que fai que unha sinta o ritmo do tempo dun xeito diferente. E aínda que non todo o mundo pode coller vacacións nesta época do ano, ás veces a luz fai que unha sinta que todo pode ir ben, a pesar de como vaia todo. Supoño que é unha reflexión un tanto naif sobre o papel da luz nas nosas vidas, pero a verdade é que hai momentos nos que se unha se para a mirar como reflicte a luz na súa contorna, aparece unha sensación de calma difícil de expresar.

Chovía a cántaros e decidín non correr para chegar ao hotel, pois a pesar de levar paraugas, empapeime ao saír á rúa. E como aínda tiña vinte minutos de andaina desde a aula na que traballo até o lugar no que me aloxo esta semana, camiñei paseniño, enchoupada, e co paraugas pechado, pois xa non me podía mollar máis. De súpeto, esperando nun paso de cebra, sorprendinme a min mesma pasmando: mirando marabillada a curiosa luz que se formou entre a dramática tormenta de verán e o solpor que empuxaba atrás das nubes. Era unha luz gris-alaranxada, ou gris-rosada, ou gris-amarela; unha luz máxica que reflectía na xente correndo, na pel, que reflectía nos coches grises, nos charcos... que reflectía en min. Aparteime a un lado, e intentei sacar o móbil para documentar ese momento, pero decateime de que o deixara na aula, así que dei media volta (literalmente) e foi aí cando me atopei co arco da vella máis luminoso que vin en moitos anos. E volvín pasmar, non sei se por un minuto ou unha hora, envolta nunha sensación inexplicable que oxalá puidera saber narrar. Envolta na luz dun verán que me lembra que ás veces podemos parar o tempo para sentir que estamos vivos, para sentir a vida...