Unha das propostas estrela de Feijoo no caso de que chegue ao Goberno é derrogar (entre outras moitas) a Lei de Memoria Democrática. Se tal fai, no segundo país do mundo onde hai máis mortos nas cunetas (só nos gana Camboia) os mortos que alí non descansan seguirán esquecidos, deixados da man de Deus, soterrados pola política. Eu quixera saber, señor Feijoo, en que lle fai mal a este país que se recuperen eses corpos para dárllelos ás súas familias para que os poidan sepultar dignamente. Non son quen de maxinar por que é mellor para o país que eses centos de miles de compatriotas continúen aí apodrecendo. Non sei en que gana España se vostede, se goberna, prohiba que os restos se sigan recuperando, traendo á luz, entregándollos aos seus familiares. Debo de ter, malia ser escritor, moi pouca imaxinación, porque non comprendo o argumento. De feito, coñezo, e trato, boas xentes do PP que tampouco o entenden. Algúns, cargos políticos. Pero calan por iso da disciplina de partido. Ao mellor, non sei, o que vostede quere é apañar votos da xente que vota polo xeral a Vox. Pero, créame, non todo vale. As memorias deberían ser sagradas. E por iso se chama, precisamente, Lei de Memoria Democrática.
Se Feijoo chega á Moncloa fará o posible por botar abaixo unha lei que lle deu esperanza a milleiros de persoas en España, que lles deu, tamén, dignidade. E aí hai un pouso de contradición dentro do PP porque comezou xuño cunha homenaxe no Parlamento Galego, onde ata hai nada Feijoo era presidente da Xunta, cunha homenaxe ás vítimas do franquismo. Todos os partidos, unánimemente, tamén o PP de Galicia, estiveron alí, abeirando á filla de Alexandre Bóveda, ese que asasinaron na Caeira, ese que Castelao inmortalizou no seu famoso cadro. Estiveron alí os de todos os partidos. Ninguén dixo que aquel acto «volvía abrir feridas». Ninguén dixo que aquilo era un acto partidista. Máis ben, o que se dixo é que era un acto de memoria e de dignidade. O corpo de Alexandre Bóveda, xa que estamos, de non ser recuperado pola súa familia, hoxe de certo estaría baixo terra, dende hai máis de 80 anos e, se Feijoo chega a gobernar, seguro que ninguén o buscaría máis nunca vista a súa promesa electoral.
Un país é grande, tamén, por asumir a súa historia. Por celebrala. Mais tamén por ser quen de reparar o que estivo mal feito. Nese sentido, que un partido que aspira a gobernar a toda a cidadanía considere que os asasinados por un bando deben seguir no esquecemento da historia, por lei, non semella moi decente. Por non semellar, nin parece democrático. Pero claro, é o normal cando se entende que unha guerra foi «una pelea de abuelos».