Celébrase hoxe o Día Mundial dos Océanos. Unha iniciativa da ONU desde 2009. O lema desta edición pode resultar metafórico: «As correntes están a cambiar». Se poñemos un adxectivo ao substantivo correntes (políticas, sociais, culturais, pictóricas, etcétera) obteremos unha frase digna de reflexión profunda, mesmo insondable. Hai días mundiais para todos os gustos. Este mes xa celebramos, o pasado luns, o Día Mundial do Medio Ambiente, e o domingo o Día Internacional dos Nenos Inocentes Vítimas de Agresión. Cada xornada, de xoves a xoves, hai un motivo para saír á rúa a manifestármonos. Hoxe tocan os océanos. Un oito de xuño. O mesmo día no que pensaba o doutor Juvenal Urbino, protagonista dunha obra mestra que gana peso cos anos: El amor en los tiempos del cólera. Podemos ler na novela: «El doctor Juvenal Urbino, en su ausencia parisina, idealiza el pasado colonial de su ciudad (muy inspirada en Cartagena de Indias). Una ciudad que el 8 de junio de 1708, a las cuatro de la tarde, vio cómo un galeón, que acababa de zarpar hacia Cádiz repleto de tesoros, fue hundido por una escuadra inglesa». O oito de xuño rima con mar, océano, galeón, novela, García Márquez. Quizá habería que dedicar un día ás casualidades. Día Internacional do Azar. O azar prefigura a nosa existencia dun modo constante, en ocasións feliz e ás veces perverso. Dámoslle ao azar menos importancia da que en realidade posúe. Somos froito do azar. Somos, talvez, produto dun soño que alguén soñou. Horas, minutos, segundos nos que muda a nosa vida. Iso que en Blade Runner o replicante, antes de fenecer, definía como perdidos no tempo: lágrimas na chuvia. Soñar océanos. Un oito de xuño, por exemplo.