Percepción da dor e analxesia
OPINIÓN
Definimos a dor como unha experiencia sensorial e emocional desagradable asociada a unha lesión real ou potencial. Esta definición valida a experiencia dolorosa do paciente como real, teña ou non unha lesión orgánica obxectivable asociada, e interactúa con factores psicolóxicos, cognitivos e emocionais. Sabemos que as emocións ou o estrés producen cambios neuroinflamatorios que inducen ou agravan a sensación dolorosa. A percepción da dor depende tanto da percepción física propiamente dita como dos filtros cognitivos que cada un aplica a partir das experiencias previas, medo á enfermidade, factores culturais, etcétera.
Os profesionais sanitarios evidenciamos ante o feito de cravar unha agulla para realizar unha analítica como non todos os pacientes cualifican o estímulo da punción como doloroso e non todos avalían a súa intensidade da mesma maneira. Por iso debemos preguntarnos: ¿é o umbral da dor de cada persoa (xa sexa alto ou baixo) sempre o mesmo? A experiencia di que non; existen diferentes valoracións en función das expectativas previas. O umbral da dor dunha persoa varía (incluso no mesmo día) dependendo do estado de ánimo, niveis de estrés, factores hormonais ou experiencias positivas ou negativas previas.
Tendo en conta todos estes factores e asumindo que toda dor é real, un mellor coñecemento das circunstancias que inflúen na percepción da dor podería representar un avance e debería servir para unha mellor xestión da mesma.
Tal como afirmou René Leriche mentres atendía os feridos da Primeira Guerra Mundial, «a única dor tolerable é a allea», e levamos moitos anos falando de control da dor e moi poucos falando da implicación activa do paciente na xestión dun fenómeno tan complexo que presenta grande variablidade individual. Nós mesmos, os profesionais, creamos falsas expectativas ós pacientes, cando a nosa misión debería ser, entre outras, informalos e educalos. Isto require de tempo, moita empatía e liderado na coordinación e planificación dos equipos asistenciais.
Os cambios para un mellor control da dor pasan por establecer estratexias analxésicas individualizadas: una analxesia personalizada centrada no paciente. É o momento de que os profesionais sanitarios apliquen non só coñecementos farmacolóxicos, senón tamén habilidades de comunicación, incluída a psicoloxía ao servizo do tratamento da dor.
Só coa implicación activa dos pacientes e o compromiso e implicación dos profesionais podemos ofrecer analxesia cunha estratexia personalizada para aproximarse ás demandas dos nosos pacientes, tendo en conta, como xa vimos, que a experiencia dolorosa é un fenómeno subxectivo que presenta gran variabilidade interindividual.