Cara unha nova Galiza

ana pontón PORTAVOZ NACIONAL DO BNG

OPINIÓN

Sandra Alonso

29 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O resultado desta intensa xornada deixa moitas lecturas, pero vou incidir na máis significativa: estamos ante un cambio de ciclo político que é imparable, e os datos son contundentes. O BNG é a forza que máis sube, cun incremento do 30 %, 135 concelleiros e concelleiras máis en toda Galiza, reforzando así a tendencia que xa se producira nas eleccións galegas do 2020, nas que os galegos e as galegas colocaron ao BNG como a alternativa real ao Partido Popular. 

O incremento é moi importante en todas as grandes cidades, en algunhas urbes, o BNG mesmo triplica resultados e, obviamente, mención especial merece o extraordinario logro en Santiago de Compostela, onde o BNG, man a man coa veciñanza, fixemos historia con Goretti Sanmartín como a primeira alcaldesa da capital de Galiza.

Os resultados do BNG nestas eleccións tamén nos dan a posibilidade de poder estender por máis concellos, por máis vilas e cidades, o modelo municipal de éxito do Bloque Nacionalista Galego, que demostra a súa capacidade de transformar en positivo, de mellorar a vida das persoas, de aplicar nos concellos políticas de vangarda ante os retos de presente e de futuro.

Imos seguir transformando Galiza concello a concello, liderando o goberno de máis municipios ao longo e ancho do país.

O ascenso do BNG é imparable e as eleccións municipais confirman que o BNG é a forza que vai abrir un cambio de ciclo en Galiza, co Bloque Nacionalista Galego como a alternativa ao Partido Popular, e quero dicirlle a todos os galegos e as galegas que acollemos con moito orgullo e coa máxima responsabilidade.

O BNG acaba de facer historia en Santiago de Compostela, coa primeira alcaldesa na capital do país e agora o próximo reto, no que traballaremos con toda a humildade, pero coa máxima ambición de país, é volver facer historia no 2024 para que Galiza teña a primeira presidenta de Galiza.