Astarot
Astarot

16 may 2023 . Actualizado a las 13:27 h.

Astarot é un dos grupos de rock máis importantes de Galicia.

Con corenta anos de traxectoria, esta banda nacida en Cangas do Morrazo aínda segue en activo, ofrecendo concertos de máxima calidade dos que sempre gozo cando as circunstancias mo permiten. Resulta que eu coñecín aos Astarot nun plató de televisión. Foi nun programa da Televisión de Galicia de finais dos anos noventa e grazas a Arsenio Iglesias. O bruxo de Arteixo, adestrador do Deportivo da Coruña naquel tempo, coincidiu cos de Cangas nun especial que presentaba Xosé Ramón Gayoso. Nun momento daquel encontro o presentador preguntoulle a Arsenio que opinaba da música daquela banda, ao que contestou á súa maneira: «Os rapaces tocan ben, pero teñen os pelos moi longos». Eu estaba cos meus compañeiros de Luar na Lubre a pé de escenario e chamoume poderosamente a atención o sincero comentario do adestrador arteixán. Pouco despois entrabamos nós a escena nese mesmo plató, e dende aquela non esquecín a anécdota e tampouco o nome do grupo do que, co paso dos anos, fun sabendo máis. Temos coincidido polo país en distintos lugares e fomos intercambiando historias, vivencias e experiencias ata o punto de ir afianzando a nosa relación. Así, no 2018, convidámolos a participar no noso proxecto Ribeira Sacra, no que non só gravaron algún tema senón que tamén colaboraron con nós en varios directos.

Pouco despois, no 2022, eles sacaron o seu espectacular traballo Baixo a luz de Breogán, no que se achegaban á música celta e interpretaban algúns temas do noso repertorio, e aí estivemos nós colaborando con eles nesa gravación. Mais foi neste 2023 cando, coincidindo co seu 40.º aniversario, decidiron facer un espectacular Ao vivo en Cangas, un gran concerto o mesmo día que enterraban a Arsenio Iglesias no seu Arteixo natal. Casualmente, era a primeira vez que eu colaboraba con eles nun espectáculo memorable para a historia da música deste país, cunha chea de colaboracións marabillosas. Xente importante da nosa música e da cultura, como Rosa Cedrón, Lucía Pérez, Vituco Neira, Xosé Luís Rivas Mini, Josito Porto, Toñito de Poi, Raquel Pato, Fernando Calvo, Alberto Cereijo, Montse Antepazo, Dani Camaño e varios membros de Luar na Lubre.

Un día para a lembranza cheo de sonoridades e conversas que quedarán para sempre. Longa vida, compañeiros!