Gaseado en Hartheim (1941)

OPINIÓN

12 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Levo unha chea de anos á procura de datos sobre a biografía literaria e política de Juan González del Valle (A Coruña, 1898-Hartheim, 1941), do que sabía que fora catedrático de Literatura española en varios institutos, colaborador frecuente da importante revista coruñesa Alfar, autor dunha antoloxía en 1925 de Lamas Carvajal (a única incursión súa no idioma galego) e pouco máis. Mesmo cheguei a unha fonte que semellaba moi útil, a do meu vello amigo e camarada Xavier González del Valle, un dos creadores de Voces Ceibes (eu prologuei o seu disco de 1968 con catro poemas de Celso Emilio). Xavier, sobriño do escritor, transmitiume os silencios que percibira na casa, feito frecuente nas familias temerosas á hora de referírense, no franquismo, a episodios relacionados coa Guerra Civil. Tiven máis sorte cando tanguín ao dilixente Miguel Longo Formoso, que achegou datos valiosos sobre a obra literaria do profesor.

Pasado o tempo, quen é hoxe unha autoridade no tema dos deportados galegos aos campos de concentración nazis, María Torres Celada (Madrid, 1961), publicou Un sol incoloro. Juan González del Valle, un intelectual gallego asesinado en el Castillo de Hartheim (1941), publicado este 2023 por Alkibla e a ARMH. Paga a pena ofrecer desta investigadora unha reflexión súa: «La Memoria es mi Militancia, mi revolución permanente, porque abrazo la certeza de que la Memoria es la alternativa al silencio impuesto, un acto casi subversivo que devuelve la voz a los que fueron silenciados».

Agora sabemos máis, moito máis, da biografía política do profesor pero tamén da literaria, na que cómpre salientar os seus estudos críticos en Hora de España, quizais a revista de máis entidade das xurdidas nun conflito bélico. A autora descobre que colaborou en revistas como a trilingüe Manomètre (Lyon, 1922-1928) e Manantial (Segovia, 1928). É de agradecer un breve apéndice con textos do autor, un sobre Rosalía, «el huésped de las nieblas y la ahijada de las brumas».

Juan González del Valle foi gaseado no castelo de Hartheim (anexo ao campo de Mauthausen) o 16 de setembro de 1941 pois xa non era apto para traballar.