¡Anda, por Dios!

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Salas | EFE

04 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Un dos grandes praceres da nosa vida, a da Berta e a miña, é viaxar co Paco Mariló e coa Amalia. Especialmente por España. Nós facemos o que elas mandan. Lembro unha viaxe a Córdoba. Unha cidade que sempre impresiona. A mezquita, probablemente, é un dos grandes tesouros da humanidade. Alí podes contemplar unha boa parte da historia universal da arte, a beleza en grao supremo, a preciosidade e magnificencia e perfección dos seus creadores e recreadores ao longo dos séculos. O Mariló emocionouse na mezquita. Eu faleille da síndrome Stendhal, ese trastorno que consiste en obnubilarse ata perder o sentido coa beleza. A Stendhal sucedeulle en Florencia. Ao Mariló en Córdoba. Correu onde a persoa que nos guiaba no monumento e, para deslumbrala, díxolle: «Esto es tan bonito que me hace sufrir el síndrome de Stendhal». A guía contestoulle: «Es usted muy sensible, caballero». «Lo soy, sí señora», contestou o Mariló emocionado. Berta e Amalia miraron cara a nós con certa suspicacia. Seguimos paseando a cidade cordobesa. Ata que chegou a noite e entre guitarras e oles e fandangos foi crecendo a alegría. O Mariló é moi dado a cantar. Aproveita a mínima ocasión para demostrar a súa habilidade para o canto. Nunha ponte estaban tres mozos animando aos paseantes, ducias e ducias de turistas. O Mariló musitou no meu oído, con inspiración: «El río Guadalquivir se quejó una mañana. Me tengo que decidir entre Sevilla y Triana y yo no sé cómo elegir». Estaba preparado. Antes pediu consentimento á Amalia. Díxolle: «Malucha, vou cantar con estes rapaces». Amalia mirouno de esguello. Dixo, simplemente: «¡Anda, por Dios!». Regresamos ao hotel. Nós facemos o que elas mandan.