Mangallonas

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

iStock

20 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A tuitera Lorena Gómez trabou hai uns días no melón da gordofobia: «O momento en que unha dependenta che di ‘tenemos tallita'. Tallita, como para minimizar o impacto de dicir que son grande e non están á vista». En canto o lin, lembrei a xenialidade de Teresa Moure cando escribiu sobre o maternalés, unha linguaxe moi usada no sector servizos, e que emprega o riquiñismo para convencernos de que, no fondo, esas torturas que nos impoñen (a mocidade, a delgadeza) son polo noso ben: «Co teu corpiño, haiche cousas ben lindas na parte curvy, cariño».

Curvy, que bonita palabra. As curvas dos nosos corpos sobrealimentados e sobrebebidos, ou só maiores de corenta e cinco ou menopáusicos, as curvas das mangallonas levadas a un sumun tan consumista coma acusatorio. De fondo, a gordofobia; esa que na adolescencia vestía de culpa a croqueta que viña na tapa, e que agora condena a nosa roupa a un lugar vergonzoso: a web, con sorte, aquela esquina do local. A ditadura da delgadeza mesmo está presente no mundo curvy. Ashley Graham, a modelo de talles grandes, usa unha 46, coma tantas de nós; e Jill Kortleve, unha 40! Elas supoñen o canon de «gorda» nun país, España, onde a talle máis vendido é a 44. Moitas firmas nin sequera o fabrican e, de fabricáreno, non o adaptan a modas de barrigas ao ar, pantalóns onde a nós non nos caben as pernas ou mangas que nos cortan a circulación.

Pero non nos queixemos, din. Polo menos, agora todas as gordas, curvys, obesas, tetonas, cuonas e mangallonas somos nicho de mercado. Conseguiron que, aínda sendo indesexábeis, gastemos, gastemos e gastemos. A banca sempre gaña.