PEPA LOSADA

13 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando penso en Cunqueiro, sempre me poño triste. Prefiro non pensar. Só ler ao mestre, gozalo, e sorrir cun sorriso interminable. Cúmprense noventa anos da publicación de Cantiga nova que se chama Riveira e saen os exéxetas e hermeneutas e apoloxetas a defendelo. Adoitan ser os mesmos (algúns) que hai anos torceríanlle a cara ao cruzarse con el. Ou os que non escribirían nin unha soa liña da súa prosa alta, versos luminosos, o seu infinito talento. Tamén se cumpren este 2023 sesenta anos do seu ingreso na Real Academia Galega, dedicada actualmente a exercer de centro ideolóxico «nacional» e non ás súas funcións xenuínas: ser o lugar onde os sabios elevan a catadura do idioma, das Letras, dando esplendor (como a RAE) á lingua de Nós. A Academia nosa tamén recordará a Cunqueiro. Aínda que antano algúns dos académicos fosen inimigos, contumaces, do xenio de Mondoñedo. Quizá algún estaba presente ou alentou aquel vergonzante acto no que Cela e Cunqueiro eran nomeados doutores honoris causa da universidade de Compostela. Cunqueiro chorou. E os artífices de soltar un porco e varias galiñas sentíronse vencedores. É a historia repetida deste pobo que día tras día guinda pedras sobre si mesmo. Que camiña cara ao abismo sen sabelo. Que cancela a todo aquel que non pertence ao rabaño da corrección política. Aquel que sabe que iso que denominan Sistema Literario Galego é simplemente unha nova forma de censura: no sistema só poden penetrar eses que a ideoloxía selecciona, non o resto. Non lembro unha época peor que esta que vivimos. Totalitaria e adepta ao pensamento único. Se hoxe Cunqueiro publicase poemas, seguiría sendo desprezado. El non pertencía a ningún rabaño.