De bolboretas e cascudas

Francisco Castro
francisco castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

Usuarios de las redes sociales delante de un logo de Facebook
Usuarios de las redes sociales delante de un logo de Facebook Dado Ruvic | REUTERS

03 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Dicía Nietzsche que a moral e a beleza tiñan moito que ver, e que, polo tanto, a Estética e a Ética estaban unidas. Explicouno á perfección cun exemplo: se matas unha cascuda ou outro insecto similar, a ninguén lle parece mal, pero se esmagas contra a parede unha bolboreta de cores es unha mala persoa. Algo similar pasa con certas actitudes ecoloxistas, que se centran na supervivencia das baleas ou golfiños e non noutros animais que igual resultan máis «feos», pero que merecen tanto ser protexidos como calquera outro. 

O pensador alemán, que tanto padeceu polas súas múltiples doenzas, sufriría hoxe ata o insoportable vendo a fealdade xeral que nos arrodea, ou o que é o mesmo, a falta de ética que guía está época. Porque a beleza é tamén algo que se lle aplica á política. E así, un argumento político, unha liña de partido, o ambiente dun parlamento, pode ser tamén algo fermoso ou directamente repelente. E hoxe estamos instalados nesa repelencia que volveu todo vulgar, anódino, feo.

É fea a maneira en que se desenvolve a vida política nosa dende hai uns anos. Isto inclúe parlamentos, faladoiros nas radios e teles… Todo. O hooliganismo instalouse dun xeito descarado no mundo político e nas súas derivadas, e xa que logo, desbotouse, e semella que para sempre, o ton pausado que esixe a racionalidade, o argumento fundado, en definitiva, o diálogo. A fealdade, esta fealdade universal está viva na política, pero tamén, por exemplo, nas redes sociais, onde tes máis posibilidades de ter «éxito» canto máis vulgar, superficial e parva sexa a túa proposta. Mais é lóxico: ter éxito nas redes significa que conseguiches facerte «viral». Ou sexa, un virus. Do que se trata, en definitiva, é de infectar.

E así, infectados de vulgaridade, renunciamos á Beleza que soñou Platón e que tamén era algo que se conseguía logo de décadas de educación e práctica racional. Por iso confiaba aos filósofos o goberno da polis. Coma Nietzsche, sufriría vendo o nivel dalgúns dos ídolos actuais. Demasiada xente sen grandes capacidades recibindo o aplauso colectivo. Os deuses do balón, por exemplo. As heroínas da prensa rosa facendo algo tan feo como rozar a quen sexa a cambio de diñeiro.

Temos que procurar máis bolboretas. E esmagar, si, esmagar tantas cascudas.