Coidar o sono

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

Matias Mart'in Campaya | EFE

17 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte deiteime coa idea de escribir unha columna sobre o sono, entón collín o móbil para anotala e, a pesar de que sentía un cansazo e un sono descomunal, despois de pousar o aparello non fun capaz de durmir. Fixen todo o que sei facer para conciliar o sono: pensar en nada, exercicios de respiración, imaxinar cousas que me fan sentir ben... pero non fun capaz de prendelo.

A devandita idea tiña que ver cun artigo que lera no The New York Times no que falaban da importancia da fase REM no procesamento da memoria e das emocións, e a cita que anotara facía referencia ao xeito que ten o cerebro de «separar os recordos da súa carga emocional». «Que curioso proceso», pensei, e quedei aí enganchada, na idea de que os recordos e as emocións poden ir por camiños separados... E non sei se foi por esa luz do móbil que tanto aconsellan evitar pola noite, ou pola miña fascinación sobre o papel das emocións nas nosas vidas, pero a realidade é que os pensamentos máis absurdos comezaron a dar voltas na miña cabeza e non me deixaron durmir durante horas: «Coidar o sono —pensei—, podería titular a columna así»; «saquei a roupa da lavadora?», seguín pensando; «a ver, inspira, conta até catro... expira, conta até catro outra vez...»; «apaguei o fogón da cociña?», «ofenderíase polo meu comentario?»... E así infinitamente até que, sen decatarme, acabei caendo.

Aprender a durmir é unha das materias pendentes de moitos de nós, e quizais deberiamos comezar con ser máis disciplinados con respecto ás horas que durmimos e á calidade do noso sono. Pero eu, polo de agora, hei de conformarme con simplemente poder soñar que algún día serei unha experta na arte de durmir ben.