Culpábeis de ser doentes

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

CARMELA QUEIJEIRO

14 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Seica no mesmo Sergas, onde os médicos de familia teñen máis dunha semana de agarda, funciona un protocolo polo cal as urxencias leves (segundo declaracións literais dun enfermeiro, «cando non sangras nin tes disnea») deben atenderse no horario do médico de familia asignado, pois hai que corrixir a curiosa teima das enfermidades con apareceren de golpe. Así, se alguén acode ao centro de saúde fóra do horario do seu médico, será que non está enfermo! Xa saben: a xente só vai ao ambulatorio porque non ten mais que facer que amolar.

Despois de que se nos dixese que non vaiamos ás urxencias hospitalarias a non ser que vaiamos morrer, e tampouco ao PAC a non ser que o centro de saúde estea pechado, agora dísenos que este non está para urxencias: sempre ao médico de familia, no seu horario. Pero ese non era o trato inicial para ir ao médico de xeito habitual e non urxente antes de que... non tivera horario?

Quizais sexa que o que o Sergas entende por «urxencia» non sexa o mesmo que o que entende o dicionario: esas doenzas repentinas que impiden facer vida normal e, sobre todo, acudir ao noso posto de traballo. Neses lugares onde traballamos esíxese para poder faltar algo que demostre que estamos mal, e que o diga ese médico que terá cita cando esteamos curadas!

Ao Sergas sáelle a conta sospeitar se os pacientes non estarán realmente enfermos, sobre todo se enferman fóra de hora. Se parece que non enfermamos, parecerá que non fan falla médicos. O malo é que as humanas temos o vicio de enfermar, por iso pagamos a sanidade. E malia iso, obrígannos a superar a doenza a base de darwinismo mentres agardamos a que nos atendan. A este paso, en vez de crer que lles debemos a vida, imos ter que lles deber a morte.