Corre!

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

DILARA SENKAYA | REUTERS

07 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Gústame a xente natural, sen grandes sofisticacións, que vai paso a paso facendo o camiño, sen calma pero con tranquilidade. Xente con moita forza de vontade que máis ca buscar que o alenten no seu esforzo, se anima a si mesmo.

Hai xa un tempo que me fai sorrir o twitter de Adrián Ben co seu #VamosCarallo. Semella que é un veciño máis de Viveiro, do que fala con tanta fachenda, coma se o único lugar polo que saíse correr fose o paseo marítimo da vila. Aí empezou todo, pero xa leva moitas carreiras polo mundo adiante. A última, en Istambul, participando no Europeo, do que chegou cun ouro pendurado ao peito.

Foi a carreira que buscaba, a que lle dese unha medalla internacional que ben merece polo seu tesón. 800 metros nos que tivo tempo a ir de último, avanzar un par de postos aproveitando os toques entre outros compañeiros e arriscar a adiantar polo exterior para poñerse á par do cabeza de carreira.

Aguantou, porque non quedaba moito para a meta e entón, animouse a si mesmo con esa naturalidade que o define: corre, corre, corre. E correu. Moitos aplaudiamos a súa fortaleza xa e Viveiro animábao desde o recuncho setentrional de Galicia. Adrián é o seu fillo predilecto. Non pode haber mellor representante que alguén que leve por bandeira os valores de sinxeleza, o esforzo, a constancia e o sacrificio. Corre, Adrián, corre. Non deixes atrás o neno viveirense que adestraba no paseo marítimo. Segue a dicirlle o teu típico: Vamos carallo!