Chantaxe ao emérito

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

04 mar 2023 . Actualizado a las 12:47 h.

A min encantaríame que me fixesen chantaxe. Que me ameazasen con dar a coñecer os vídeos das miñas orxías e aventuras amorosas con fermosísimas vedetes do Moulin Rouge, con descubrir que gardo millóns en paraísos fiscais, que os guións de Corre Carmela que chove escribiumos durante 21 anos un negro africano, que plaxio as viñetas de Xaquín Marín e Pinto & Chinto e que cando un artigo me sae medio ben é porque copio sen pudor a Xosé Luís Barreiro e Fernando Salgado. Unha gozada! Iría aos programas do corazón das televisións e sentiríame importante. Pénsoo e levito. 

Claro que eu non son o rei emérito e non teño, coma el, a enorme responsabilidade de velar pola Casa Real e a monarquía. El si, e por iso vive dramaticamente as chantaxes e sófreas como un servizo máis a España e os españois. A de Bárbara Rey, en 1994. Xantaran xuntos e el tocáralle unha teta. Días despois, alguén chamou á Zarzuela dicindo que había fotos e pedía 100.000 dólares. Don Juan Carlos sacrificouse e cedeu. El xa tiña un capitaliño de 5.000 millóns de pesetas en Suíza, pero entendeuse que a man do rei na teta da vedete era un asunto de Estado e, co visto bo do presidente Felipe González, pagaron con cartos dos fondos reservados. Bárbara volveu en 1997. Tiña un par de vídeos compartindo cama con don Juan Carlos e quería pasta. Outra vez se sacrificou o rei e outra vez se se pensou na chantaxe como un asunto de Estado, pero o presidente Aznar non tragaba e unha Bárbara Rey irada foi ao programa Tómbola para revelar o nome do home importantísimo necesitado de cariño que durante anos acollera no seu leito cal compasiva samaritana.

Non chegou a saír do camerino. Dous homes vestidos de negro e con placa levárona «para que non se metese en problemas», pero os ben informados din que entre cartos en man, mensualidades e un programa de cociña en Canal Nou, que non vía ninguén, levou moitos millóns de pesetas. Don Juan Carlos non puxo nin unha.

E agora aparece  Iñaki Urdangarín coas memorias que escribiu no cárcere sobre o tempo que foi duque de Palma e que unha editorial quere converter en best seller, pagándolle dous millóns de eurazos por dereitos de autor. A oferta é tentadora para quen está no mellor da vida e quere vivila a corpo de rei. Contoullo a Cristina e Cristina ao pai. O emérito, escaldado, respondeulle: «Págale, no vaya a ir con la lagrimita por ahí, haciendo unas memorias como Harry». E Cristina págalle 6.000 euros ao mes, pero os que saben da familia real din que Iñaki quere 25.000 e algúns inmóbeis, e que don Juan Carlos se sacrifica por terceira vez. Miña nai era moi refraneira e de xente así dicía: «Vergonza perdida, unha ansia fóra». É ben verdade.