A importancia de conservar

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Manuel Guede

28 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

É difícil que unha obra colapse sen máis, de repente. O habitual é que se produza algún aviso. Manchas de humidade, areas que se desprenden, gretas que se abren... Poden ser sutís, pero os avisos están aí. Se buscamos respostas, habemos atopalas.

 É agora cando se coñece un informe que avisou das posibles consecuencias que podían producirse no viaduto do Castro, na A-6, que acabou por colapsar. As xuntas de dilatación e continuidade resultaran defectuosas e isto provocara a entrada de auga e sal, coa conseguinte corrosión das armaduras da estrutura. É dicir: a obra avisou, había múltiples evidencias. E, de feito, estaba a traballarse na mesma cando se produciu o colapso, evitando, posiblemente, que tiveramos que lamentar a perda de varias vidas.

É importante conservar, manter, coidar. As vivendas estráganse con maior facilidade se non se usan, se non se miman. O mesmo pasa coas cabaceiras, cos carros, coa roupa que deixamos endurecer coma cartón nos faiados. Coma ocorre co patrimonio natural, coa contorna... cos ríos que non se limpan ou as leiras que desaparecen baixo a maleza. Tamén coa vida... Hai que coidar de nós, e dos demais, dos que antes nos coidaron a nós. Podemos cambiar o mundo. É máis fácil do que parece. Coidar ten unha connotación revolucionaria. Sería marabilloso darlle a volta á grisallada que paira sobre nós botando luz desde o corazón, latexando a base de mimar e conservar. Axitamos así o planeta?