A nai de Madeleine

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

BENITO ORDÓÑEZ

24 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño que escribir este artigo antes do ditame sobre Julia Faustyna, a posible Madeleine McCann.

Sexa cal sexa o veredicto final, o que me aperta o corazón desde hai anos é un asunto que nada ten que ver co desenlace.

A desaparición en Praia da Luz, no 2007, foi un caso tremendamente mediático. Os pais conseguiron que o misterio da súa filla se propagase por todo o mundo. Berraron alto e deu os seus froitos. Claro que algúns deles non foron os desexados.

A investigación sobre Madeleine McCann, de tres anos, estivo en todo momento rodeada de dúbidas. Varios pequenos dormen nos correspondentes cuartos dun hotel mentres os pais cean a escasos metros. Unha deles, desaparece. Non podía esfumarse. Como é posible? Calquera era sospeitoso. Calquera. Un empregado do hotel, un veciño que colabora en exceso na súa busca e... como non, os integrantes do círculo máis próximo. En concreto, a nai. Obviamente, ela.

Por que? Porque estaba ceando, coma os demais proxenitores. Pero é que ela era a nai. A nai. Ademais, era médica. Iso facúltaa para o coñecemento profundo dos medicamentos. Quizais lle administrase un somnífero para poder saír a cear e divertirse... quizais se excedeu na dose... quizais...

O pai non. Porque o pai era médico tamén, pero unha nai é unha nai. Un pai... pois é distinto.

Crucificámola. A ela. Non aprendemos e cometemos os mesmos erros.

Dá igual se está viva, se é Julia, se alguén a secuestrou e a nai non tiña nada que ver. A sociedade hai ben tempo que a sinalou co dedo. E xa non hai volta.