Sobre os plans

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

CESAR TOIMIL

10 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O libro estaba nun mostrador deses que poñen a carón das caixas nos grandes supermercados, deses que teñen desde caramelos da garganta, a bombóns de chocolate, revistas do corazón ou libros de autoaxuda. O caso é que, mentres esperaba a miña quenda para pagar, collín uns chocolates (que por suposto non precisaba) e botei unha ollada a un deses libros, cun título do máis (pouco) suxestivo: «In case you get hit by a bus», algo así coma «No caso de que te atropele un autobús». Escrito por Abby Scheniderman, Adam Seifer e Gene Newman, os fundadores de Everplans (unha plataforma dixital deseñada para crear un arquivo de todo o que poderían necesitar os teus seres queridos no peor dos casos), a verdade é que nos tres minutos que estiven alí esperando púxenme a mirar o índice e decateime de que na era dixital é aínda máis difícil preparar as cousas para cando unha pasa de estar viva a estar morta que na era analóxica. O teléfono, os bancos, os seguros, as redes sociais, as subscricións, as facturas... todo é dixital, todo vai con contrasinais que nin sequera eu lembro, e precisamente o libro comeza con iso, con como compartilas con seguridade cando xa non esteas. Entón, de súpeto, agonieime, e antes de pasar á segunda páxina pousei o libro no mostrador no que estaba, e intentei cambiar de tema na miña cabeza.

Ás veces pregúntome en que momento ten que comezar unha a pensar nesoutra etapa da viaxe vital. E outras veces, coma hoxe, son quen de mirar para outro lado, coller outro paquete de chocolates, pagar a miña compra, e seguir camiñando cara adiante sen poñerme no peor dos casos, pois a verdade é que non teño ningunha presa por marchar...