Vuelva usted mañana

Llerena Perozo Porteiro ECOFEMINISTA, SOCIA DE A GARGALLEIRA, PROXECTO SOCIOCULTURAL

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

06 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Sigo con interese o que vén publicando este xornal nos últimos días acerca da atención ao público na Administración, en concreto sobre a polémica cita previa. Unha fórmula ideada e implantada nun momento de crise pandémica, en teoría unha solución de urxencia sanitaria, pasaxeira, que semella pretender ficar instalada ad infinitum. Polo visto resulta cómoda para quen teñen por oficio atender os servizos públicos, e mesmo outros non tan públicos coma os bancos. E importa pouco o incómoda e obstaculizadora que é para quen usa eses servizos. Ou de como o conxuntural torna estrutural en canto nos despistamos. E, que curioso, penso, que adoiten ser as cousas que menos favorecen á cidadanía as que primeiro se instalan como normas nos servizos públicos. Sufrín, como seguramente moitas das lectoras e lectores, as consecuencias da cita previa. A molestia de non poder responder ao apremio da propia Administración porque a mesma que me urxía a un trámite non me daba logo a posibilidade de resolvelo en prazo. Non había oco nas citas previas, que mala sorte. Para colmo, paguei a multa consecuente. Mais isto é tan só a punta do iceberg. Na miña pescuda, atopo as protestas do Defensor del Pueblo, que cualifica o sistema de non respectuoso cos dereitos constitucionais. Concordo co señor Gabilondo. A cita previa, que só se pode conseguir por vías telemáticas, supón, ademais, unha discriminación para as persoas que non se manexan, por razóns de idade, saúde, idioma ou cultura, cos teléfonos ou os medios dixitais. Pero hai máis. Resulta que as sés diplomáticas de España no exterior esixen tamén a obtención desta cita para atender os trámites que realizan, incluíndo as solicitudes de refuxio e asilo. Volvo a ler a Mariano José de Larra, que reflexionaba con humor en 1833 acerca de como vían os estranxeiros a nosa burocracia hai nada menos que cento noventa anos e descubro, sen sorpresa, que o artigo ten unha vixencia que debería, cando menos, avergoñar aos responsables da nosa Administración. E, se cadra, impelir a unha reflexión. Talvez pida cita previa, e presente unha instancia.