A ética das novas máquinas

OPINIÓN

Alejandro Garcia | EFE

05 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando a mediados dos pasados anos 80 cheguei a casa coa miña primeira computadora (unha IBM PS/2) acórdame ben o comentario dun veciño: «Pois agora xa ten quen lle escriba as novelas». Non pensen que era unha opinión extravagante. O meu avó tamén cría que os libros os podían escribir esas novas máquinas. Se acaso, o que tiñamos que facer os escritores era corrixir algunha puntuación ou algunha cuestión menor. Anda o mundo do ensino revolto agora coa aparición do programa ChatGPT, desenvolvido pola empresa OpenAI, que permite a elaboración de textos complexos (redaccións, traducións, conversacións) con información que extrae directamente da rede (internet) para dar conta das demandas do usuario. ¿Queres un poema de amor? ¿Unha historia de intriga? ¿Un traballo sobre física cuántica? Pois velaí o programa. A ver quen compite con el.

 

O mundo do ensino sobre todo anda desconcertado. O alumnado máis espelido, que está ao tanto das novas tecnoloxías, bota man do programa para facer os traballos de curso: informes, memorias de grao, etcétera, sen que o profesorado acerte distinguir a participación da máquina. Outrosí podemos supoñer que poida empezar a acontecer no mundo da escrita creativa. A primeira reacción é a conservadora: fóra eses artefactos!, igual que se retiraron os móbiles das aulas para evitar fraude nos exames. Hai tempo que Google (e a Wikipedia) substituíu as fontes de información, incluso no xornalismo. O que non está nestas plataformas non existe.

Mais fronte a isto, dun tempo para acó empeza a impoñerse unha nova filosofía: o pensamento crítico. Preparémonos para esta nova realidade. Opoñerse ás máquinas é inútil. A tecnoloxía seguirá avanzando, imparable, neste e noutros temas. O problema non está nos avances tecnolóxicos, senón nos usuarios. A intelixencia artificial (AI) é unha intelixencia máis que, como tantas outras cousas, vén para quedar, coa enorme riqueza que de seguro aportará (e está a aportar) ás nosas vidas. A cuestión de fondo é saber que queremos facer con ela.

A miña amiga Minia, unha rapaciña nova, esperanza de futuro, está especializándose nos principios e nos problemas éticos da intelixencia artificial: problemas médicos, xurídicos, culturais, psicolóxicos, económicos, políticos… Dende aquí anímoa a seguir, porque algúns dos grandes debates do futuro van vir centrados nestas cuestións. Que modelo de sociedade se anuncia? Volvo ao meu avó, o vello Valeriano. Cada vez que escoitaba dicir dunha persoa que era «moi intelixente», sempre preguntaba: «E a servizo de quen pon tanta intelixencia?». Esta é a cuestión de fondo, que vai máis alá de posicións persoais. O meu avó era garda civil, que marchou analfabeto para a guerra de África. Facía reflexións moi simples, pero contundentes.