Esquinas da paz e da guerra

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Denís, E.F.

28 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando contemplo desde esta esquina verde da Europa atlántica outras esquinas de cidades e vilas polo mundo adiante, penso que todas teñen en común o seren lugares onde os ventos se arremuíñan e as vidas cambian de dirección. Non é posible concibir espacialmente a vida sen esquinas e recantos, porque son baluartes da memoria que, cos anos, se van deformando para crear o substrato da existencia. Na nosa memoria permanecen, xa con outros negocios e veciños, como referencia da primeira vez que perdemos de vista o portal da casa, da primeira cita da xuventude.

O envés desas esquinas das rúas son os recantos interiores da nosa casa. Todos temos o noso favorito, o máis humilde, o máis quedo, con frecuencia habitado só por un mesmo. Se está a carón dunha ventá, o sol entra a certa hora proxectando sombras que se prolongan ou se acurtan dependendo da estación; acaso chega apenas a raiola reflectida no cristal do veciño de en fronte. É o espazo da lectura, da música, do exercicio introspectivo. Nesta altura do inverno, no meu recanto preferido ao pé da ventá sinto o olor da daphne que florece no balcón e, cando levanto a vista do libro, esa quietude adquire certa dinámica cos cumulonimbos precursores das chuvieiras que van evolucionando, escurecendo e expandíndose.

Mais nestes meses aciagos as esquinas que vemos a través das pantallas ou nas páxinas dos xornais non evocan estampas animadas da vida cotiá. Nesta nova modalidade de guerra híbrida, xunto aos asasinatos a escala de poboación civil inerme, a destrución selectiva dos edificios parece a forma máis rápida e eficiente de aniquilar as esperanzas das persoas, a súa cotiandade e a súa memoria. As escenas de sufrimento activo das primeiras semanas con grandes desprazamentos de poboación deron paso á crónica dun insoportable sufrimento pasivo, no que un día sucede a outro sen que as expectativas melloren.

Antes ou despois, cando a guerra cese e se instaure un novo período de paz transitoria neses lugares en permanente latencia, como as grandes fallas tectónicas, empezará a reconstrución a mans das multinacionais da devastación. Farán facsímiles das cidades destruídas, como na Europa posbélica do século XX, ou crearán novas imaxes urbanas para esquecer antes os estragos? Volverán os habitantes desprazados para iren ocupando as ruínas mentres esperan a súa rehabilitación, ou serán outros os que veñan encher os espazos deshabitados, crear recantos de humanidade no ámbito doméstico, volver citarse nas esquinas?