A raíña e «a santiña» de Asorey

Cristina Sánchez Andrade ESCRITORA. PREMIO DE XORNALISMO JULIO CAMBA

OPINIÓN

ASOREY

21 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Seica cando, en 1926, a raíña Vitoria Euxenia, esposa de Afonso XIII, viu na Exposición Nacional de Belas Artes, en Madrid, a impoñente escultura coñecida como «A Santa galega» ou «A Santiña», no seu rostro debuxouse un aceno de desagrado. O primeiro que lle saltou á vista foi a noxenta barriga avultada da talla. Xesús!, díxose, como se lle ocorre a ninguén sacar isto á luz! Era unha barriga mol, de muller que pariu moitos fillos (talvez tantos ou máis ca ela, que tivo seis). Os seus ollos seguiron a escorregar escultura abaixo e entón esbarraron coas mans sarmentosas, encalecidas polo traballo. As coxas e os xeonllos eran aínda máis bastos, coa pel engurrada (si, porque, aínda que non o quixese recoñecer, a escultura era tan boa que a madeira semellaba pel). Dende logo, era totalmente indigno e faría todo o posíbel por prohibilo. E non porque estivera como Deus a trouxo ao mundo, estaba afeita a ver este tipo de estatuas, mais porque rompía coas convencións estéticas e nada tiña que ver coas deusas e ninfas das exposicións nacionais de Belas Artes que tanto lle prestaban. A quen lle ía interesar esa energúmena de case un metro noventa, portando un xugo de bois? A quen se lle ocorría que algo así de repugnante ía gustar? Pois resulta que gustou. E moito. Realizada por Francisco Asorey, considerado unha das figuras máis relevantes da renovación da arte escultórica española do século XX, a talla conxuga unha mestura de influencias: desde Rodin, a toda a arte rexionalista e naturalista do XIX galego, o romanticismo da xeración Doente, a estética medieval compostelá e as vangardas que se desenvolvían paralelas por toda Europa neses anos, sobre todo o expresionismo alemán. Até tal punto gustou que, en 1951, foi comprada pola Casa de Galicia en Montevideo por vinte mil pesetas. Era, por cima doutras cousas, un símbolo político da Galicia traballadora e emigrante. Posteriormente, cando, nos anos difíciles desta institución, chegaron as autoridades do Poder Xudicial a embargar todos os bens da casa, o xerente, Manuel Mouriño, para evitar que lla levaran, dixo: «Non sabemos que facer con esta porcallada por iso a puxemos neste recuncho». O embargador acreditou que non servía para nada e pasouna por alto. Mouriño inmediatamente deu a orde de que a gardaran no depósito ben agochado. Así foi como sobreviviu a escultura que, após a recente compra por parte da Xunta, xa é definitivamente de todo o pobo galego.

Sospeitamos que á raíña Vitoria Euxenia algo lle dicía a talla que lle daba má consciencia e que por iso non a quixo nin ver. Talvez esa barriga avultada, esas mans fortes, esas coxas moliñas e eses xeonllos feos eran o reflexo do que ela xamais sería: unha muller curtida no traballo escravo da casa, da laboura, parindo e criando fillos e ficando soa polo drama da emigración.