Arrastramos a violencia

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

MARCOS MÍGUEZ

06 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Temos un ano do trinque, con todo por facer. Inauguramos o calendario e a axenda, os días novos, o contador a cero. Mais non é así para todo. Rematamos o mes de decembro con máis dunha decena de mulleres asasinadas porque nin sequera a violencia é igual para homes e mulleres. Resulta unha carga demasiado pesada para deixala atrás. Non cesamos na conta de vítimas. Ano tras ano.

O único que hai que borrar é a traxedia. Necesitamos tolerancia cero. Todas e todos somos responsables. Do que dicimos, do que exemplarizamos, do que transiximos ou non denunciamos. Non pode haber xornais que publiquen entrevistas con prófugos da xustiza por violencia de xénero. Nin programas de televisión nos que se alente o acoso á muller. Non se poden promover perfís que boten a carga sobre as mulleres mentres alixeiran as penas dos homes. Non, non e non.

Non consumamos esa sucidade. Non a propaguemos, non lle deamos nin a máis mínima oportunidade. Nunca tanto se falou do problema, e nunca tanto botei de menos o verdadeiro compromiso. Sóbrame a frivolidade. Todos cometemos erros. Pero neste tema, en canto se detecta o mínimo, hai que entoar o mea culpa, retroceder e rectificar. Nada de cubrir ou dicir «ti máis». Porque o único que imos conseguir é «unha menos». Ao peor, «moitas menos». E isto non se pode consentir. Non é un xogo, pode ser a diferencia entre a vida e a morte. Así de cruel é a realidade.