A defensa do galego, tarefa de todos

Xosé González

OPINIÓN

XOÁN A. SOLER

04 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

s datos que informan sobre o descenso de galegofalantes provocan alarmas coas conseguintes opinións sobre a natureza do conflito lingüístico. Os argumentos maniqueos esgrimidos impiden analizar as circunstancias de tales mudanzas nos usos lingüísticos provocados polos cambios sociais que se veñen sucedendo desde hai décadas.

O asunto é complexo e as responsabilidades están repartidas aínda que algúns non queiran admitir que son parte do problema. O filibusterismo non fai máis que retrasar as solucións, utilizando os datos como armas arreboladizas neste debate.

O Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade dos grupos parlamentarios en 2004 ofrece unha ampla oferta positiva para galeguizar todos os sectores sociais. O seu texto, auténtico vademecum para abordar o futuro da lingua galega, ten como destinatarios ás administracións públicas —estatais, autonómicas e locais—, pero tamén aos axentes sociais —individuais e colectivos— que en cadanseu ámbito teñen competencias propias ou compartidas. Sen embargo, a inobservancia das propostas, por uns e outros, ten interferido o proceso normalizador, nos que é obrigada a concorrencia plural.

O Foro Enrique Peinador naceu para procurarlle á lingua galega espazos sociais inéditos de evidente transcendencia no ámbito socioeconómico que é o epicentro da vida dos galegos e galegas. Neste campo xógase o futuro e o prestixio social da lingua galega. Sen unha economía galeguizada coa cobertura legal necesaria, o galego terá un futuro incerto. Por iso é importante que o marco xurídico que organiza a planificación económica contemple o uso da lingua galega como un dereito fundamental.

Sería conveniente aplicar algunhas medidas correctoras. A Administración do Estado, recoñecendo o uso da lingua galega nas empresas dependentes dela en Galicia, como é o caso de Navantia; a Administración Autonómica, a través da constelación de organismos autónomos, tales como o IGAPE, condicionando o financiamento de todos os proxectos industriais amparando os dereitos lingüísticos nas relacións laborais, e fomentando a etiquetaxe e sinalética, así como tamén os dereitos dos consumidores e usuarios, aplicando a lei en vigor.

Para facer efectivos estes obxectivos, a Xunta de Galicia, concellos e deputacións deberían incorporar nos textos dos pregos de condicións cláusulas lingüísticas que obriguen ás empresas adxudicatarias de servizos públicos a garantiren o uso da lingua nas súas actividades.

Todas estas medidas deberían ser completadas con programas formativos de dereitos lingüísticos nas Escolas de Negocios e centros universitarios encargados de formaren xestores empresariais.

Cómpre que a cidadanía, en tanto consumidores, nas súas opcións de compra, amosen preferenzas polos produtos etiquetados en galego.

En resumidas contas: as crises atinxen a todas as actividades humanas e tamén á lingua galega. Pero non confundamos o catastrofismo coas oportunidades reais para galeguizar as empresas. Non na medida que quixeramos, pero hoxe observamos moita receptividade ao discurso galeguizador. O Foro Peinador ten experiencias abondas para demostrar que no tecido empresarial hai moitas sensibilidades que incorporar. Non rendamos culto ao vitimismo; a galeguización de Galicia é posible. Cómpren as sumas das accións institucionais, organizacións sociais e vontades individuais.

*Xosé González é presidente do Foro Enrique Peinador