Chove

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Fernando Sánchez | EUROPAPRESS

03 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Os cristais están decorados con miles de pingas de auga. Fóra, na rúa, os farois expoñen na súa luz unha chuvia cruzada, intensa. As rúas están tan molladas que reflicten coma un espello o perfil dos edificios, as árbores en movemento, azoutadas polo vento.

Hai tempo que pasou a medianoite. Debera ser un momento de recollemento. Pola contra, óese o balbordo do ambiente incluso por riba do temporal que nos azouta. Estamos no aninovo, pero celébrase o fin de ano. A mocidade toma as rúas, alleos ás inclemencias do tempo. Risas, berros... Festexan que deixan atrás todo o malo do ano vello e poñen toda a ilusión en comezar o que está por diante.

Visten as mellores galas, acicalados e peiteados. Chocan as mans e reparten bicos e apertas. Vanse resgardando nos soportais. Paréceme que esa alegría é auténtica, por iso non podo deixar de sorrir, aínda que dubide se a escena que vexo, coma se se tratase dun filme, será unha ironía ou un retrato realista. Non hai necesidade de saír a enchouparse, pero botáronse todos ao camiño, coma se esa fose a súa firme determinación: camiñar, avanzar. Tamén debera ser a nosa, os que quedamos resgardados na casa vendo a realidade desde o outro lado do vidro.

Non podo evitar pensar que tería que ser un momento de reflexión, balance ou definición de propósitos. En lugar diso, seguimos inconscientes coas rutinas, a festa e a troula, coma se todo fose saír ben, coma se todo xa tivera saído ben. 2023 será un ano máis, pero... é un ano novo?