Para abrir un debate adoita usarse a expresión «abramos ese melón». Pero, xa que estamos en Nadal, eu preferiría utilizar, por unha vez, abramos ese turrón. E é que, precisamente, de turrón vai o conto.
Tradicionalmente, o turrón é un doce feito con mel, améndoas e clara de ovo. Preséntase en forma de tableta, ou barra, como se dicía antigamente para o chocolate. E miren por onde, co chocolate comezou todo. Antes había turrón duro ou brando. Logo aceptamos o de chocolate, aínda que non levase nin moito mel, améndoas ou clara de ovo. Enleouse todo. Porque agora eu xa non sei cantas clases de turrón hai: de coco, de pistacho, de xema de ovo, de mazapán, de cabaza, de trufa... do que se nos pase pola cabeza. Porque xa o vin de flocos de millo e de pasteis ultraprocesados. Levan a palabra turrón ben grande, pero... dubido que iso sexa realmente turrón. É unha barra de doce, con moitos azucres, pero que queren que lles diga, nesta cabeza turrón non é.
Son consciente de que no dicionario aparece a acepción para calquera doce con esa forma.
A min, que son moi larpeira, non me molestan en absoluto os experimentos dos que nacen novas sobremesas. O que me amola un chisco é ese aspecto comercial no que cae o Nadal, que cada vez se estende a máis ámbitos. Xa teño medo ir ao supermercado e atopar outras tantas variedades de polvoróns. Modernizar e actualizar as tradicións está moi ben, pero desde a base da tradición e sen perder o sentido inicial. Así que... abramos o corazón. Digo o turrón.