Messi xa é deus

Siro
Siro PUNTADAS SENFÍO

OPINIÓN

Siro

24 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Eu vin xogar a Pelé no Mundial de México, en 1970, e pensei que nunca habería outro xogador coma el. É certo que Pelé facía cousas que ninguén ousou repetir, como devolver cun punteirolo desde o seu medio campo o balón que caía do ceo despois de que o porteiro rival fixera un saque de porta. Foi unha volea inimaxinable que aloumiñou o largueiro e sería un gol histórico de ir unha cuarta máis abaixo. Pelé tiña potencia, caneo, pase e movíase no campo a ritmo de samba. Era único.

 

A Maradona descubrino no Mundial de España, en 1982, e vino despois como xogador do Barça correr como unha lebre sen rozar a herba, tocar o balón como se fose ingrávido e lanzarse á portería contraria pasando defensores coma o esquiador pasa as bandeiras no slálom. Entón pluralicei o adxectivo na certeza de que Pelé e Maradona eran únicos.

E un día apareceu Messi para facer doado o imposible. Que a habilidade para o caneo é nel un don innato vese nos vídeos de cando tiña sete anos, pero aos vinte desenvolveu unha arte semellante á do prestidixitador que fai pickpocket no escenario. O mago róuballe a carteira ao espectador e cando lla devolve quítalle o reloxo, e mentres lle dá o reloxo lévalle o bolígrafo… Messi fai o mesmo co xogador que o marca: móstralle o balón e cando o outro mete o pé, o balón non está; e volve mostrarllo e esconderllo unha e outra vez, sen deixar de correr cara a portería para rematar a xogada cun lanzamento ao que o porteiro non chega, ou dar ao compañeiro un pase de gol que ninguén preveu. Porque esa é outra cualidade de Messi: ver a xogada a realizar e estar onde o balón vai chegar. Investigadores de varias universidades analizaron o seu xogo e chegaron á conclusión de que sempre realiza a mellor combinación das súas habilidades motrices e precisa menos tempo que os demais para pensar o que cómpre facer en cada fase do xogo. Como ademais nos lanzamentos á porta desde o bordo da área pon o balón onde pon o ollo, está claro que os xogadores únicos son tres: Pelé, Maradona e Messi.

E aquí vén a conto a estraña lóxica de influentes creadores de opinión en materia futbolística que poñían a Messi nun nivel inferior a Maradona por non ter gañado un Mundial. Non importa que Maradona gañara o seu facendo trampa ao meter un gol coa man, nin que Messi repetira dez, doce, quince goles coma «o do século» de Maradona. Se Messi non gañaba un Mundial, sería inferior a Maradona. Se Francia superase a Arxentina na serie de penaltis en Catar, hoxe Messi non formaría parte da Santísima Trinidade dos deuses do Olimpo Futboleiro con Pelé e Maradona.

Fútbol es fútbol.