Trans libre

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Ricardo Rubio | EUROPAPRESS

23 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Xes foi Xoana en primaria, e, aínda que no seu instituto hai quen teima en chamalo polo nome da lista e a súa nai lle di que naceu muller e se amole, hai moito que sabe que o que de verdade sente e vive non ten que ver cun sufixo ou un pronome, así que non entende por que á xente lle importa tanto que queira mudar o nome que atura desde que naceu. Sóbranlle as tetas, sóbralle ter a regra cada mes, vestirse de moza para cear co avó, que lle manden depilar o bigote, que se apenen porque cortou a melena, que lle pidan que cale, que non provoque, que qué dirán. Xes nin sequera é un activista, e iso que leu artigos que mandan ler no mestrado de xénero da universidade á que irá en tres anos. O único que quere é que ninguén se meta en como se chama nin como veste. E sobre todo, que lle deixen eliminar de todos os papeis ese nome que lle lembra quen non é e todo o que lle sobra.

Pero o peor é que o traten coma se estivese enfermo. Foi á orientadora. Á pediatra. A unha psicanalista que dixo que ser trans era unha moda, coma o de non comer típico das adolescentes de hai uns anos. A un psiquiatra que lle deu unhas pastillas para a ansiedade de cando no instituto se meten con el. E aínda así, ningún médico lle deu o papel que lle permitiría ir á policía e facer un DNI que diga Xes en vez de Xoana. Só iso. Porque aos seus 14, nin sequera sabe se se operará. Fala moito diso co pai. Non vai tomar esa decisión ás toas! A xente cre que os adolescentes son tan parvos como para pensar que cortar as tetas é o mesmo que facer unha tatuaxe. En xeral, a xente non lembra como eran eles mesmos cando tiñan catorce.

Pero hoxe Xes é feliz porque acabou parte do calvario. É un pouco máis libre. E libre non remata nin en «a» nin en «o».