A precocidade das estrelas

OPINIÓN

AMANDA PEROBELLI | REUTERS

20 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño amizades que, coma min, desprezan todo o negocio que vai aparellado ao deporte rei e máis cando os cartos xustifican todo, mesmo unha Copa do Mundo nun país como Catar, que non respecta os dereitos humanos. Pero xa hai moito tempo que o espectáculo tamén se converteu en negocio, iso sabémolo ben. Con todo, eu non desprezo o fútbol en si e asinaría as palabras de Ronaldo Nazario cando di que é o deporte máis democrático que existe no planeta porque é para todas as persoas e non se lle nega a oportunidade a ninguén. Comprendo o que quere dicir o futbolista brasileiro e ten a súa parte de razón porque xogar á pelota sempre estivo ao alcance de calquera e, de feito, moitas das estrelas saen das clases máis populares, mesmo das favelas e a pobreza. É certo, o fútbol cabe en calquera lugar, mesmo no patio dun cárcere, e só precisa dunha pelota que comparten vinte e dúas persoas, posibilidade que o diferenza doutros deportes máis elitistas coma o tenis, o golf ou a hípica, por poñer só algúns exemplos para os que cómpre outra intendencia non tan accesible para moita xente. É algo semellante ao que pasaba coa música no pasado, cando había guitarristas a darlle cun pé, pero as orquestras non atopaban quen tocase o piano ou a batería, porque eran instrumentos demasiado caros. Xogar a fútbol, de primeiras, é barato, apto para ricos e pobres, pero son fabas contadas os que ven recoñecido o seu talento precoz, como vén de lle acontecer a ese rapaz de dezaseis anos brasileiro chamado Felipe Endrick, unha revelación fulgurante que entra no mercado das estrelas cunha taxación de sesenta millóns de euros. Agardemos que o peso desta responsabilidade non frustre a carreira dun ídolo polo que moita xente xa suspira.